Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

O galego entra en xogo: oito produtoras reciben axudas para crear videoxogos

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acaba de facer pública a resolución da primeira convocatoria de axudas para o desenvolvemento do sector galego dos videoxogos, cun total de 150.000 euros destinados a oito produtoras que traballan nesta industria emerxente. O obxectivo da medida é facilitar a chegada ao mercado de contidos creados en Galicia e en galego, ademais de fomentar o emprego e a profesionalización das empresas que desenvolven videoxogos no país.

Catro dos proxectos seleccionados recibirán a axuda máxima de 25.000 euros:

  • ‘Xerme’, de Acariño Games, propón unha experiencia inmersiva arredor dos conceptos de orixe e evolución.

  • ‘Sandwich Cat’, de Testaferro, adapta a curtametraxe homónima de David Fidalgo.

  • ‘A nosa fantasía’, videoxogo 2D de supervivencia creado por Melgo Cinema dentro do proxecto transmedia O noso pasar.

  • ‘Unicorn Wars’, de DEP Games, está baseado no filme animado de Alberto Vázquez, galardoado cun Goya.

Outros catro proxectos recibirán axudas de menor contía:

  • ‘Gato’, desenvolvido por Iseltec, contará cunha achega de 17.500 euros.

  • ‘Portalén’, proposta baseada no folclore e patrimonio musical galego da creadora Cristela Torres Nine, obtén 15.258 euros.

  • ‘MACEN-92’, de Aqueladas, recibe 11.361 euros para unha aventura narrativa inspirada en documentación desclasificada.

  • Por último, ‘subROV’, unha experiencia en realidade virtual de exploración submarina, será apoiado con 5.880 euros.

O galego, elemento clave na valoración dos proxectos

Sete dos oito videoxogos seleccionados disporán de versión en galego, sendo subROV a única excepción, segundo informou a Consellería. A posibilidade de ofrecer contidos no idioma propio da comunidade foi un dos criterios puntuables na avaliación, xunto co interese artístico e técnico, o potencial comercial, a innovación e a diversidade dos públicos aos que se dirixen.

A convocatoria tamén valorou a capacidade para xerar emprego, especialmente no caso da incorporación de mulleres aos equipos creativos, e a aplicación de sistemas de avaliación de impacto e resultados.

Estas axudas insírense nas políticas do Goberno galego para apoiar a creación cultural dixital e impulsar o uso da lingua galega nos novos formatos. Segundo recollen as bases, os fondos poderán empregarse en distintas fases dos proxectos: desde a súa creación e desenvolvemento ata a edición, distribución e comercialización.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.