Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

O Dicionario galego-ruso duplica entradas e prepara xa unha terceira edición

O Dicionario galego-ruso continúa medrando como ferramenta de referencia para o achegamento entre a lingua galega e a lingua rusa. A obra, impulsada polo investigador Aleksandr Dziuba, conta xa cunha segunda edición corrixida e aumentada, publicada en xaneiro de 2025, que eleva o seu contido ata as 21.000 entradas, máis do dobre das incluídas na primeira versión.

O proxecto nacera no ano 2020 como a primeira tentativa de elaborar un gran dicionario galego-ruso que recollese non só o léxico normativo recoñecido pola Real Academia Galega, senón tamén palabras e expresións que, malia se atoparen fóra da norma estándar, forman parte do uso escrito e oral do galego e aparecen tanto na literatura clásica como na contemporánea.

A iniciativa comezou cando Dziuba era auxiliar de conversa de lingua rusa na Escola Oficial de Idiomas da Coruña. Desde entón, o investigador continuou a traballar nunha obra que se presenta como un recurso para especialistas, tradutoras, lexicógrafas, romanistas, comparatistas, profesorado e alumnado que aprende galego, mais tamén para galegos e galegas que se achegan ao ruso.

A primeira edición do dicionario contaba con arredor de 11.000 lemas organizados alfabeticamente. Na segunda versión engádense máis de 10.000 novas entradas, ademais dunha revisión xeral dos contidos xa publicados. Segundo a información do proxecto, a actualización permitiu corrixir grallas, incorporar novos significados aceptados pola RAG e ampliar a presenza de unidades fraseolóxicas e frases feitas habituais.

As novas entradas inclúen tanto léxico frecuente e usual en galego, seleccionado a partir do Dicionario de frecuencias, como palabras especificamente galegas. Na elaboración de cada entrada tomáronse como referencia principal as definicións aceptadas pola Real Academia Galega, aínda que tamén se incorporan puntualmente termos non recollidos pola institución, marcados cun asterisco.

Un dos obxectivos centrais do proxecto é crear unha ponte directa entre Galicia e Rusia, evitando a dependencia doutras linguas intermediarias como o castelán, o portugués ou o inglés. Deste xeito, o dicionario procura facilitar tanto a aprendizaxe das dúas linguas como o traballo de tradución de textos literarios ou especializados de galego a ruso.

O autor confía en que esta ferramenta contribúa a aumentar o número de traducións de obras galegas ao ruso e a reforzar o interese mutuo polas dúas culturas. O proxecto parte da idea de que a literatura galega conta cun percorrido histórico e creativo que pode chegar a máis público fóra do ámbito galegofalante se existen recursos lingüísticos axeitados para a súa tradución directa.

O uso da primeira edición en liña amosou, ademais, que o interese polo dicionario supera os límites de Galicia e Rusia. Segundo os datos recollidos polo propio proxecto, a ferramenta foi consultada desde distintos países europeos, como Alemaña, Polonia ou Italia, e tamén desde territorios da antiga Unión Soviética, nomeadamente Ucraína, Kazakhistán, Uzbekistán e Belarús.

Ese alcance internacional reforzou a continuidade do traballo de Dziuba, que xa prepara unha terceira edición da obra. A actividade do investigador tamén está ligada ao ensino do galego en Rusia, xa que imparte cursos de lingua galega no Instituto Cervantes de Moscova, que rematan esta semana.

Unha das alumnas destes cursos, Olga, explica o seu interese pola lingua galega a través da literatura. “Quero aprender galego porque me encanta Galicia. Interésame a literatura de Galicia, quero lela no orixinal. Por exemplo, temos traducido aquí en Rusia o libro de Manuel Rivas ‘O lapis de carpinteiro’, pero é máis interesante lelo en galego”, sinala.

A presenza do galego en Rusia conta tamén cun espazo académico en San Petersburgo, onde existe un Centro de Estudos Galegos. Neste contexto, o Dicionario galego-ruso funciona como unha ferramenta de apoio para estudantes, docentes e persoas interesadas na cultura galega desde o ámbito ruso, ao tempo que ofrece ao público galego unha vía de entrada á lingua rusa.

As persoas que queiran realizar achegas, correccións ou consultas sobre o dicionario poden contactar co autor a través do correo electrónico dicionariogalegoruso@gmail.com.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.