A cidade de Santiago de Compostela acollerá este venres, 17 de abril, a celebración da primeira ‘Festinha da Regueifa’, unha iniciativa que pon no centro a transmisión e a práctica da improvisación oral en galego entre a infancia. O encontro terá lugar ás 18.00 horas na Libraría Aenea, nunha cita que nace co obxectivo de converter a regueifa nun espazo de encontro, creación e celebración colectiva.
A actividade está organizada de maneira autoxestionada polas propias crianzas, que participan activamente no ámbito do repentismo. Segundo explican desde a organización, a proposta busca consolidar a regueifa non só como unha práctica artística, senón tamén como un xogo e unha ferramenta de expresión persoal e colectiva, capaz de reunir á comunidade arredor da lingua e da creatividade.
Na xornada participarán nenos e nenas do obradoiro de regueifa da Escola Semente, así como alumnado de diferentes centros educativos de Compostela. Estes grupos reúnense semanalmente no Centro Social A Gentalha do Pichel, onde traballan a improvisación en verso e desenvolven habilidades ligadas á oralidade.
O programa contará tamén coa presenza de Lúa e Nora, dúas regueifeiras galego-irlandesas de 10 e 7 anos que combinarán melodías da Galiza e de Irlanda nas súas intervencións. Lúa foi recentemente recoñecida no certame “O Talentiño”, celebrado no Teatro Xofre de Ferrol, onde obtivo dous premios nunha actuación compartida con Loaira, de Narón.
A Festinha incluirá ademais outras figuras vinculadas á dinamización da regueifa, como Ailalá, a osa pardo do Courel, e Maré a Muda, integrante do colectivo adolescente ‘Regueifa Tour’, que xa participou en festivais en distintos puntos de Galicia e tamén en eventos culturais en Portugal, Cataluña e Euskal Herria.
A regueifa, entendida como a forma tradicional galega de improvisación cantada, experimentou nos últimos anos un proceso de recuperación no que a infancia e a mocidade están a desempeñar un papel relevante. Neste contexto, iniciativas como esta Festinha procuran crear espazos propios onde as novas xeracións poidan desenvolver esta práctica e reforzar o seu vínculo coa lingua galega.