Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

O Desafío Galego mobiliza 204 estudantes do IES Concepción Arenal de Ferrol para activar o uso da lingua

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Concepción Arenal de Ferrol puxo en marcha a quinta edición do Desafío Galego, unha iniciativa educativa que se desenvolverá entre o 16 e o 27 de marzo e que busca reforzar o uso do galego entre o alumnado a través dun compromiso colectivo.

Segundo explica o propio centro, esta proposta pretende activar a competencia e a conciencia lingüística da mocidade, promovendo unha experiencia de aprendizaxe que vai máis alá das aulas. Nesta edición participarán 204 estudantes de Bacharelato, dos cales 96 pertencen a 2º curso e 108 a 1º, que aceptaron de maneira voluntaria un acordo lingüísticoco obxectivo de empregar o galego no seu día a día durante once días.

Desde o instituto sinalan que esta iniciativa pretende situar o alumnado como “axentes activos a prol do galego”, levando á práctica o que describen como un “desexo de lingua” que tamén se vincula coa idea de xustiza, beleza e reparación.

O proxecto baséase nun modelo educativo que se sustenta en tres principios fundamentais. O primeiro deles é a creación dun espazo seguro, no que o alumnado poida empregar o galego con normalidade e sen sentirse cuestionado polo seu uso.

O segundo alicerce é a aprendizaxe por obxectivos progresivos. O desafío estrutúrase mediante un cronograma que permite ampliar gradualmente os espazos de uso da lingua. Así, o día 16 de marzo o reto comezará entre os propios participantes e nas redes sociais; o día 17 estenderase ás aulas e ao conxunto do instituto; o día 18 incluirá tamén ás familias e ás actividades extraescolares; e o día 19 abrirase ás amizades externas, ata chegar a un compromiso total de uso do galego durante o resto da experiencia.

O terceiro elemento é a alfabetización dixital, que pretende trasladar o uso do idioma aos espazos virtuais que forman parte da vida cotiá da mocidade. Neste sentido, o desafío anima a empregar o galego en plataformas como WhatsApp, Instagram, TikTok ou Twitter, ademais de fomentar o consumo de contidos culturais en iniciativas como GZ Músicaou Youtubeiras.

Para conectar a iniciativa coa realidade cultural da mocidade, esta edición contará co apadriñamento da banda galega De Ninghures, que visitará o centro o martes 17 de marzo ás 16:50 horas.

Durante o encontro, o grupo falará sobre a escena musical en galego e ofrecerá unha pequena actuación ao alumnado. O instituto destaca que a escolla da banda “non é casual”, xa que o seu percorrido en escenarios de cidades como Madrid, Barcelona ou Bilbao e os recoñecementos recibidos —entre eles o Premio Ari(t)mar 2023 e os Premios da Industria Musical de Galicia— exemplifican que “a cultura en galego posúe unha forza universal e contemporánea”.

Castelao e unha excursión final a Compostela

A iniciativa tamén incorpora unha dimensión de formación humanística, vinculada coa celebración do Ano Castelao en 2025. Durante o desafío, o alumnado traballará sobre o legado do intelectual rianxeiro e o seu papel na historia cultural e política de Galicia.

Como culminación desta experiencia de inmersión lingüística, o 27 de marzo está prevista unha excursión a Santiago de Compostela, na que o alumnado visitará o Museo da Catedral e a Cidade da Cultura.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.