Manuel Miragaia é o autor do primeiro libro escrito sobre a comarca fronteiriza entre as comunidades galega e asturiana. ‘A terra do Eo-Navia. A galeguidade en Asturias’ aborda, e reivindica, as diferentes sinerxias e intercambios nas fronteiras creadas polas comunidades entre Galicia e Asturias a moitos niveis: lingua, cultura, patrimonio… Galicia Confidencial realizou unha entrevista ao profesor coruñés que, na publicación, defende asemade a creación dunha Academia da Lingua Galega do Eo-Navia.
Oficialidade da lingua
Son 18 os concellos que conforman a comarca do Eo-Navia dentro do Principado de Asturias. O idioma principal nestes é o galego, con todo, como indica Miragaia, na actualidade “en Asturias só está recoñecida como lingua oficial o castelán, e non o bable ou asturiano nin o galego do Eo-Navia”. De feito, o autor critica que “as autoridades asturianas, respecto do galego eonaviego, nin sequera recoñecen a súa existencia, cando é algo que todos os grandes filólogos comprobaron e afirmaron que existe, demostrando que nesa zona de Asturias se fala unha variante do galego“.