Os mapas sociolingüísticos escolares da Real Academia Galega (RAG) están permitindo observar con detalle como cambia a lingua da infancia ao incorporarse ao sistema educativo, mesmo cando o galego está presente na familia e na propia escola. A iniciativa, impulsada polo Seminario de Sociolingüística, non naceu só co obxectivo de describir a realidade lingüística, senón como unha ferramenta para actuar sobre ela.
“A idea xorde guiada non tanto por unha vontade inicial de investigación como por unha vontade de intervención”, explica María López Sández. O primeiro mapa elaborouse en Ames, un concello que experimentou desde os anos noventa unha transformación demográfica moi rápida, cun forte crecemento de poboación e coa chegada de habitantes procedentes doutros puntos de Galicia e do estranxeiro. Esa realidade facía difícil coñecer con precisión cal era a situación lingüística entre as novas xeracións.
A diferenza das grandes enquisas sobre usos lingüísticos, estes estudos concentran a análise na comunidade educativa e na traxectoria lingüística dos menores. Recollen información sobre a lingua inicial, os usos habituais, os cambios ao longo da infancia, a lingua empregada cos pais, nais e avós e as diferenzas entre o fogar, a aula e a relación cos iguais. Ademais, o acceso directo aos centros permite alcanzar niveis moi altos de participación. López Sández apunta que nalgúns dos novos mapas se están obtendo respostas próximas ao 90% da comunidade estudada.
Esa capacidade para seguir os cambios segundo o contexto permite identificar un dos fenómenos que máis preocupan aos investigadores. “Globalmente, seguimos a ver un efecto castelanizador dos contextos escolares”, sinala López Sández. Os estudos non descobren de cero unha tendencia que xa se percibía socialmente, pero si permiten documentala e precisar en que momentos e relacións se produce o cambio de lingua.
Un dos ámbitos máis relevantes é a comunicación entre nenos e nenas. “En contornas bastante galeguizadas, con axentes educativos moi galeguizados e que empregan o galego nas aulas, detectamos que, mesmo así, na comunicación horizontal de socialización entre iguais, se dá o uso do castelán”, explica.
López Sández relata que chegou a comprobar esta situación persoalmente en aulas de contornas galegofalantes: mestras que empregaban o galego recibían respostas en castelán de nenos pequenos, que tamén utilizaban esa lingua entre eles. A presenza do galego na aula non garante, por tanto, que se converta na lingua espontánea da socialización infantil.
Parte deste proceso explícase polos mecanismos de acomodación lingüística. Cando falantes habituais de galego e castelán coinciden nun mesmo grupo, continúa sendo frecuente que o cambio se produza cara ao castelán. “A acomodación segue funcionando en detrimento do galego”, resume López Sández. Segundo explica, pode ocorrer que a presenza dun ou varios castelanfalantes acabe levando o conxunto do grupo a converxer nesa lingua.
Ao mesmo tempo, a investigadora sinala que cada vez son máis habituais os intercambios mixtos nos que cada persoa mantén a súa lingua. Con todo, esa dinámica aínda non impide que a presión de acomodación opere maioritariamente nunha dirección. A situación afecta mesmo familias que transmiten conscientemente o galego aos seus fillos. López Sández fala da frustración de pais e nais galegofalantes que comproban como os menores van abandonando a lingua ao entrar na escola e comezar a relacionarse cos seus iguais. Ela mesma viviu esa experiencia co seu fillo maior. Segundo relata, o neno fora galegofalante ata os tres anos e mantivera esa lingua na gardería, pero a situación cambiou ao entrar nunha aula cunha mestra castelanfalante. Durante un tempo permaneceu practicamente calado no centro e, posteriormente, comezou a falar castelán tamén na casa.
“Eu reivindico o dereito dunha nai e dun pai a que os seus fillos lles falen na lingua propia, na lingua que lles falaron desde que naceron”, afirma. “Se mandamos os nosos fillos á escola e volven á casa e non queren falar connosco na lingua que aprenderon de nós, é que algo terrible está a suceder”. López Sández asegura que non se trata dun caso illado e menciona familias formadas por persoas galegofalantes e concienciadas coa transmisión lingüística cuxos fillos acabaron converténdose en monolingües en castelán. O fenómeno mostra que falar galego no fogar pode non ser suficiente se os principais espazos de socialización funcionan noutra lingua.
O primeiro mapa de Ames deu lugar posteriormente a ‘Modo galego, actívao!’, unha iniciativa de intervención que recolleu tamén experiencias previas como ’21 días co galego’, impulsada pola profesora Pilar Ponte. O programa emprega xogos, retos e dinámicas adaptadas á idade para fomentar o uso da lingua entre a infancia e, máis recentemente, tamén entre alumnado de secundaria.
Segundo López Sández, as avaliacións realizadas permiten observar un efecto de apoderamento entre menores galegofalantes que deixaran de utilizar o idioma na escola. A investigadora lembra o comentario dun participante que explicaba que lle gustara a experiencia porque, por primeira vez, eran os demais os que tiñan que falar a súa lingua e el podía utilizar galego cos seus compañeiros. A intervención busca tamén achegar o idioma a menores inicialmente castelanfalantes. O obxectivo é que poidan descubrir vínculos lingüísticos que non sempre identificaban, desde familiares galegofalantes ata unha historia de transmisión interrompida. Para López Sández, é importante tanto evitar que quen chega á escola falando galego abandone a lingua como facilitar que outros rapaces a incorporen como propia.
A experiencia de Ames serviu de base para ampliar o proxecto a outros municipios. A RAG traballa agora en novos mapas, entre eles os de Santiago de Compostela, Rois e Quiroga, con realidades demográficas e sociolingüísticas diferentes. “En ningún caso estamos facendo un mapa sociolingüístico per se, con finalidade de coñecemento da realidade exclusivamente”, insiste López Sández. O estudo é sempre a primeira fase dunha intervención posterior.
As particularidades locais condicionan as medidas, pero os mapas están revelando tamén un problema común: o descenso do uso do galego entre as xeracións máis novas mesmo en lugares onde a lingua conserva unha presenza social importante. Santiago é un dos exemplos máis claros. A cidade pode transmitir unha percepción de forte presenza do galego en comparación con outras zonas urbanas, pero a realidade muda cando a análise se centra nas primeiras etapas educativas. “Cando imos á escola primaria atopamos graos de castelanización moi elevados”, advirte López Sández. Para a investigadora, observar unicamente a porcentaxe actual de falantes pode ofrecer unha visión enganosa se non se ten en conta a evolución por idades. Un territorio pode conservar hoxe unha presenza significativa do galego e, ao mesmo tempo, estar experimentando unha ruptura da transmisión que se fará máis visible no futuro. Nesa mesma liña, apunta que procesos de castelanización que antes podían asociarse principalmente ás cidades comezan tamén a apreciarse nas vilas.
A análise tampouco pode limitarse ao horario lectivo. Unha parte relevante da vida da infancia transcorre en comedores, programas de conciliación, actividades extraescolares, escolas deportivas e outros espazos de ocio que quedan en boa medida fóra das regulacións lingüísticas do ensino formal.
“Unha nena non vive só na escola e tampouco vive só na familia”, resume López Sández. Por iso, considera que estes ámbitos ofrecen unha importante marxe de actuación para os concellos, os servizos de normalización lingüística e as entidades que traballan coa infancia. O obxectivo sería crear máis espazos de relación horizontal nos que o galego sexa unha lingua habitual e non quede asociado unicamente ás materias escolares.
A investigadora tamén chama a abordar desde esta perspectiva a chegada de alumnado de orixe migrante. Fronte á tendencia a cambiar automaticamente ao castelán ante persoas chegadas de fóra, considera que a integración tamén pode facerse desde o galego. Pon como exemplo o proxecto ‘Aquí tamén se fala!’, desenvolvido no IES Rafael Dieste da Coruña, cunha elevada presenza de alumnado de orixe migrante. “Non hai que ver a inmigración como un perigo para a pervivencia da lingua. Hai que vela e traballala desde a oportunidade”, sostén. Para López Sández, incorporar tamén o galego aos procesos de acollemento permite ampliar a comunidade de falantes e evitar que a lingua quede excluída precisamente dos novos espazos sociais.