A escritora María Rei Vilas gañou o premio San Clemente Rosalía-Abanca na categoría de literatura galega pola súa obra “Flores de ferro”, unha obra que pon en valor o papel das mulleres durante a Guerra Civil.
O xurado do galardón impulsado desde o IES Rosalía de Castro de Santiago estivo formado por alumnado dunha decena de centros. Este ano, para seleccionar ás gañadoras e añadores, ademais do instituto anfitrión, participaron, votando a súa obra favorita, o alumnado dos centros IES Pontepedriña, da capital galega; así como o Xulián Magariños (Negreiros), o Vilar Ponte (Lugo), o IES Pintor Colmeiro (Silleda), e o Ferro Couselo (Ourense).
Os membros do xurado destacaron que a obra gañadora contén unha trama “moi complexa”, que se desenvolve en “dous espazos temporais”, poñendo en valor o papel fundamental das mulleres. A novela de María Rei Vilas caracterízase por ser un retrato de “mulleres loitadoras”, no contexto da Guerra Civil.
Cun destacado protagonismo feminino, este libro conta a historia de Camila. Unha muller
que leva décadas vivindo unha mentira baixo a complicidade dos que a rodean. A protagonista, deberá reunir o valor para enfrontarse á verdade, neste relato onde que a intriga asolaga tanto o persoal coma o colectivo.
María Rei Vilas (A Laracha, 1964) é profesora de Bioloxía e Xeoloxía no Instituto Agra de Leborís, da súa localidade natal. Autora de libros de texto e guías didácticas relacionadas co ensino da bioloxía e a xeoloxía, Flores de ferro é a súa primeira novela.