Isa Bermúdez, artista plástica de Carballo, sempre estivo rodeada de galego, pero non foi ata a adolescencia cando se plantexou incorporalo á súa vida diaria. Criada nun fogar castelanfalante debido ás orixes extremeñas da súa nai e á emigración da súa familia a Alemaña, explica que, malia que a súa contorna familiar máis ampla falaba galego, ela non sentiu un interese especial pola lingua ata que empezou a Educación Secundaria Obrigatoria.
Segundo relata, foi unha profesora de galego, María Xesús, quen lle abriu os ollos. “As lecturas obrigatorias daquela materia achegábanse moito aos intereses da adolescencia, eran actuais e variadas”, recorda. Esa conexión co galego, sumada a un crecente interese pola cultura e a historia de Galicia, levouna a dar os primeiros pasos para falar a lingua.
O reto de cambiar de lingua
Aínda que en Carballo o galego está moi presente, Isa recoñece que non lle resultou fácil facerse neofalante. “Ao principio dábame vergonza, porque sempre hai comentarios do tipo ‘que raro soa’ ou ‘fálalo demasiado correcto'”, conta. A presión social e a inercia de anos falando castelán dificultaban a transición.
Foi cando se trasladou á Coruña para estudar o Bacharelato de Artes cando decidiu que era o momento de mudar de idioma. “No primeiro día xa empecei a falar galego, porque ninguén me coñecía e non podían dicirme que soaba raro“, explica. Ese cambio axudouna a normalizar o uso da lingua, aínda que recoñece que na Coruña foi moito máis difícil que en Carballo, onde a presenza do galego é moito maior.
“A Coruña é un sitio no que falar galego é raro. Lembro que un día escoitei un rapaz na Praza de Pontevedra falando galego e quedei abraiada“, di entre risas. Mesmo tivo experiencias estrañas, como cando nunha farmacia lle dixeron “perdoa, é que non te entendo”, tras pedir un ibuprofeno.
Un esforzo consciente para manter o galego
Isa sinala que pasar a falar galego require un esforzo activo, sobre todo cando os estímulos da contorna están en castelán. “Ao principio tes que pensar moito antes de falar, porque estás afeita a outro idioma”, di. Pero tamén cre que, unha vez superado ese proceso, o galego constrúe unha nova identidade. “Agora mesmo, o que me custa é falar castelán“, asegura.
Como artista, está orgullosa de que haxa moita xente que crea e pinta en galego, aínda que é consciente de que noutras profesións a situación é diferente. Aínda así, considera que o galego non é un obstáculo, senón unha vantaxe: “Estiven en Cabo Verde despois de gañar un premio de pintura e foi moito máis doado comunicarme grazas ao galego“, destaca, facendo referencia á proximidade entre a nosa lingua e o portugués.
O futuro do galego e os cambios necesarios
Isa cre que a transmisión interxeracional é clave para a supervivencia do galego, pero ve con preocupación que moitas familias galegofalantes críen os seus fillos en castelán. “Se saes á rúa, vese claramente que hai prexuízos lingüísticos”, afirma. No seu traballo con nenos, sorprendeulle ver que pais que lle falaban galego cambiaban ao castelán cando se dirixían aos fillos. “É algo que nunca entenderei”, di.
A artista tamén participa no Equipo de Dinamización Lingüística do seu centro de estudos, onde observa como moitas persoas están a reflexionar sobre a importancia da lingua e a dar os primeiros pasos para usala. Existen iniciativas que incentivan o uso do galego, como premios para proxectos en lingua galega. Con todo, ela é clara: “Oxalá non fixesen falta eses premios, porque non deberiamos necesitar incentivos para usar a nosa propia lingua“.
Preguntada sobre o futuro do galego, é realista: “Por desgraza, as estatísticas amosan que cada vez se fala menos“. Con todo, destaca que o idioma non é só unha ferramenta de comunicación, senón parte do noso patrimonio cultural. “A cultura galega non é só música ou historia, tamén é a nosa lingua, e debemos coidala“, conclúe.