A Universidade de Santiago de Compostela mantén aberto ata o vindeiro 20 de xuño o prazo para presentar candidaturas ao Premio Luís Porteiro Garea, un recoñecemento público ao esforzo de persoas, entidades ou colectivos que traballaron a prol da normalización do uso do galego na universidade.
O galardón, convocado pola USC, chega este ano á súa novena edición e leva o nome de Luís Porteiro Garea, profesor de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala. A súa figura está vencellada a un momento simbólico da historia lingüística universitaria: o 16 de setembro de 1915, Porteiro Garea pronunciou no Paraninfo da Universidade a primeira lección en galego da que se ten constancia.
Con esta convocatoria, a institución compostelá busca distinguir a iniciativa, o traballo ou a traxectoria de persoas, entidades ou colectivos, tanto actuais como xa pertencentes ao pasado da USC, que contribuísen á galeguización da vida universitaria. A convocatoria contempla diferentes ámbitos de recoñecemento, desde o uso habitual do galego nas actividades cotiás da universidade, especialmente cando se produciu de maneira pioneira, ata a promoción do idioma, a galeguización de espazos ou actividades concretas, o estudo e difusión da lingua ou calquera outra intervención vinculada ao proceso de normalización lingüística na USC.
As candidaturas poden ser presentadas por calquera persoa, entidade ou colectivo e deberán dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüística a través do rexistro electrónico da Universidade de Santiago de Compostela. O premio ten carácter de distinción pública e será entregado nun acto que se desenvolverá arredor do mes de setembro, coincidindo co aniversario da lección pronunciada por Porteiro Garea.
Nas súas anteriores edicións, o Premio Luís Porteiro Garea recoñeceu traxectorias destacadas na promoción do galego na USC. Entre as persoas galardoadas figuran Manolo Bermejo, José Antonio Gómez Segade, Antón Costa, Antonio Rigueiro, Xosé Manuel Beiras, Margarita Ledo Andión, Marilar Aleixandre e Concha Losada.