Francisco Dubert García é profesor titular do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela dende o ano 2000 e investigador do Instituto da Lingua Galega (ILG), ao que se incorporou como bolseiro en 1989 para traballar na edición do Atlas Lingüístico Galego (ALGa). Doutorouse en 1998 cunha tese sobre o galego falado no concello de Santiago e o seu labor investigador céntrase na variación lingüística, a dialectoloxía, a fonoloxía e a morfología flexiva do galego, tanto desde unha perspectiva sincrónica como diacrónica. Na actualidade é tamén codirector da revista Verba.
Dubert participou como relator nas xornadas LingüísticaMente. Diálogos entre a lingüística, a psicoloxía e a psicolingüística, celebradas o pasado venres 12 de decembro na Facultade de Psicoloxía da USC e organizadas polo ILG, o Instituto de Psicoloxía e o grupo Procesos Cognitivos e Conduta. A súa intervención levou por título ‘Como se representa a variación na competencia lingüística’. A partir desa charla, afondamos con el no concepto de variación, na súa percepción social e na relación entre lingua, mente e sociedade.
Para empezar, cando falamos de variación lingüística, de que estamos a falar exactamente?
A variación lingüística é algo consubstancial ás linguas vivas. Non existe ningunha lingua natural que teña unha única maneira de expresarse. A variación consiste en que existen diferentes formas de expresar os mesmos contidos, e esas formas varían en función de moitísimas variables externas: a idade, o sexo, a procedencia xeográfica, o contexto de uso, a relación entre os falantes… Os contidos poden ser os mesmos, pero a maneira de expresalos cambia.
E para que serve esa variación?
Cumpre unha función fundamental. Permite aos falantes amosar a súa identidade, dicir quen son, de onde veñen, con quen se relacionan ou como queren ser vistos. Tamén permite adecuarse aos contextos, porque determinados contextos adoitan requirir determinadas formas de falar. A variación, que moitas veces se ve como algo estraño ou mesmo patolóxico, é en realidade un aspecto básico do funcionamento das linguas.
Por que cre que socialmente se tende a percibir como algo alleo ou incorrecto algo tan natural?
Ten que ver cos conflitos de valores das sociedades occidentais. Existe a idea de que a lingua debería ter unha única forma lexítima. Iso está moi relacionado coa prescrición normativa, cando se confunde o feito de que a variedade estándar sexa adecuada para determinados usos co feito de que deba empregarse sempre e en todos os contextos. Así, os usos que se afastan do estándar ou das variedades de prestixio acaban sendo vistos como incorreccións, deturpacións ou corrupcións.
Cando fala de prescrición refírese á norma lingüística?
Exactamente. A prescrición establece o que se considera correcto ou incorrecto segundo uns criterios fixados por determinadas institucións ou tradicións, pero iso non ten nada que ver cunha descrición científica da lingua.
Esa visión prescritiva funciona do mesmo xeito no galego ca noutras linguas?
Hai diferenzas importantes. A variedade estándar do galego é relativamente recente: comeza a consolidarse nos anos 80 e o ensino do galego na escola xeneralízase a finais dos setenta. Ademais, o galego vive nunha situación de subordinación histórica respecto do castelán, e iso favorece unha visión moito máis crítica da súa norma.
En que sentido?
O que se considera natural noutras linguas, como o castelán ou o francés, non se acepta do mesmo xeito no galego. A norma do castelán raramente se cuestiona: dáse por feito que hai formas correctas e incorrectas. En cambio, no galego a norma adoita verse como unha imposición ou unha invasión. Hai un hipercriticismo permanente que non se aplica ás linguas dominantes.
Dende o punto de vista lingüístico, ten sentido falar de corrección ou incorrección?
Dende un punto de vista descritivo, non. A lingüística descritiva non fala de correcto ou incorrecto, fala de formas que existen e de formas que non existen, de usos adecuados ou non adecuados a un contexto determinado. A valoración moral ou social das formas lingüísticas non ten sentido científico.
Un dos temas centrais das xornadas era a relación entre lingüística e psicoloxía. Como aprende unha persoa a usar unha variante ou outra sen que ninguén llo explique explicitamente?
Porque adquirimos as normas de comportamento da nosa comunidade. Do mesmo xeito que aprendemos como comportarnos socialmente, aprendemos tamén como usar a lingua. Iso implica factores sociais, pero tamén ten que haber unha representación mental dese coñecemento, aí entra a psicolingüística. Non temos acceso directo ás representacións mentais, só podemos formular hipóteses. A maneira de concibilas depende moito da teoría lingüística que adoptes. Hai modelos que integran a variación dunha forma máis natural e que supoñen unha gran cantidade de información almacenada e menos procesamento.
Que tipo de información almacenamos?
Probablemente unha cantidade enorme de información lingüística, etiquetada de moitas maneiras. Nun falante multilingüe, por exemplo, hai estruturas etiquetadas como pertencentes a unha lingua ou a outra. O contexto activa unhas ferramentas ou outras, e moitas delas son compartidas entre linguas. Iso explica fenómenos de interferencia ou transferencia.
Pode entenderse o cambio de lingua nun contexto bilingüe como unha forma máis de variación?
No plano máis abstracto, si. Un falante monolingüe tamén usa ferramentas distintas segundo o contexto, aínda que pertenzan á mesma lingua. Nas comunidades multilingües esas ferramentas están etiquetadas como linguas diferentes, pero o reparto funcional pode ser moi similar. O conflito xorde cando ese reparto se percibe como problemático. As variedades —sexan linguas distintas ou variedades dunha mesma lingua— asociadas a comunidades con menos poder económico, político ou cultural tenden a ser estigmatizadas. Iso sucede tanto en contextos monolingües como multilingües.
A divulgación pode axudar a reducir esa estigmatización?
Sen dúbida. Divulgar coñecemento científico contrastado é sempre positivo. Axuda a entender que a variación lingüística non é algo patolóxico, senón normal. Mesmo persoas con alta formación seguen mantendo prexuízos lingüísticos que non están ben fundamentados desde un punto de vista científico. Porén, os prexuízos son difíciles de eliminar. Se alguén quere discriminar, atopará sempre un motivo. Hai sociolingüistas que din que criticar a maneira de falar dunha persoa é hoxe un dos poucos xeitos socialmente aceptables de exercer discriminación. Non se pode criticar abertamente por raza, sexo ou relixión, pero a lingua segue sendo un terreo “lexítimo” para iso.
Precisamente por iso, coñecer como funciona a lingua parece máis necesario ca nunca.
Exactamente. Se se divulgase mellor como funcionan as linguas, probablemente habería menos malentendidos. A lingua é un espello das relacións sociais, e entendela axuda tamén a entender mellor a sociedade.