Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Filoloxía ofreceu un concerto polos seu 50 aniversario cheo de diversos estilos músicais en galego

O Auditorio de Galicia acolleu onte o concerto ‘Scripta manent, verba volant‘, un dos actos centrais da conmemoración do 50 aniversario da Facultade de Filoloxía da USC. O evento reuniu artistas exalumnos da facultade e contou cunha programación que abrangueu diversos estilos musicais.

O concerto foi presentado polo decano Elias J. Feijó Torres, quen destacou o impacto da facultade ao longo do tempo e a súa contribución á cultura e á lingua galegas. Xunto a el, a vicedecana Elsa González e o músico Xurxo Souto, que coordinou o festival, lembraron a importancia desta celebración.

Entre os participantes atopáronse artistas como Pauliña, César Morán, Uxía, Eladio Santos, Alba María, os filólogos de Ataque Escampe, Carlos Valcárcel (Projecto Mourente), Noemi Basanta, Laura Lamontagne, Susana De Lorenzo, Leo De Matamá, Alfredo Dourado e Antón Reixa. Ademais, a Orquestra Bravú Xangai actuou como nexo musical do festival.

O acto incluíu a interpretación do himno ‘Scripta manent, verba volant’, composto por Xurxo Souto sobre un poema de Luísa Villalta, e interpretado polo CCCP Coro da Gentalha do Pichel.

Durante o evento, o reitor da USC, Antonio López, salientou o papel fundamental da facultade no eido da lingua e a cultura, mentres que a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, lembrou o impacto que a Filoloxía tivo na historia da cidade e a súa estreita ligazón coa vida cultural compostelá.

O concerto concluíu coa interpretación conxunta do novo himno da facultade por parte de todos os músicos e o público, pechando unha noite de homenaxe á música e á lingua galega.

Ver en Xornal de Compostela

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.