Aprender galego a máis de 2.000 quilómetros de Galicia e comprobar despois como esa lingua estudada durante meses aparece nos carteis dun comercio, nun museo, nunha universidade ou nunha conversa cun condutor de autobús. Ese foi un dos cambios de perspectiva que experimentou un grupo de estudantes do Centro de Estudos Galegos (CEG) da Christian-Albrechts-Universität zu Kiel, no norte de Alemaña, durante unha excursión académica que os levou por Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo e A Coruña.
A delegación, encabezada polo director do CEG de Kiel, Elmar Eggert, o coordinador, Facundo Reyna-Muniain, e o lector Daniel de Toro, participou durante a súa estadía nun programa que combinou visitas institucionais, museos, actividades culturais e traballo de campo arredor da realidade lingüística galega.
Para Reyna-Muniain, a viaxe permitiu principalmente que o alumnado puidese pasar do galego estudado na universidade ao galego utilizado no territorio, observando comportamentos lingüísticos que dende unha aula situada na cidade báltica de Kiel resultan difíciles de percibir.
O Centro de Estudos Galegos está integrado no Seminario de Linguas Románicas da Universidade de Kiel e conta cunha traxectoria próxima ás tres décadas. Durante boa parte da súa historia estivo dirixido polo profesor Javier Gómez-Montero, etapa na que desenvolveu cursos, actividades académicas e iniciativas relacionadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas.
Ao longo destes anos, o centro abordou cuestións vinculadas con figuras como Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán, ademais das persoas homenaxeadas cada ano no Día das Letras Galegas e outros ámbitos dos estudos culturais e literarios.
Actualmente, o CEG está baixo a dirección do catedrático de lingüística románica Elmar Eggert, cun perfil especialmente vencellado á sociolingüística e ao estudo do plurilingüismo. Esta nova etapa, explica Reyna-Muniain, mantén os estudos culturais desenvolvidos tradicionalmente polo centro pero incorpora unha maior atención ás cuestións lingüísticas e sociolingüísticas.
Estudar galego no norte de Alemaña
Pero que leva un universitario alemán a matricularse nunha materia de galego?
Segundo Facundo Reyna-Muniain, non existe unha única resposta. Algúns estudantes chegan ás aulas porque xa coñecen previamente Galicia ou saben da existencia da lingua, mentres que para outros o propio curso constitúe o seu primeiro contacto cunha realidade que ata ese momento descoñecían.
Segundo explica o coordinador, boa parte do alumnado comparte un interese pola diversidade cultural e lingüística, aínda que os seus perfís académicos poden ser moi diferentes. Entre os participantes pode haber persoas procedentes dos estudos de linguas románicas, pero tamén estudantes doutras disciplinas. Nesta última promoción, por exemplo, participou alumnado de Arqueoloxía.
Tamén inflúe a propia oferta lingüística existente na Universidade de Kiel. No Seminario de Linguas Románicas conviven ensinanzas de diferentes idiomas e existe tamén un lectorado de catalán, ademais doutras linguas románicas como o francés, o italiano ou o portugués.
A existencia dun lectorado e dunha coordinación específicos permite, segundo Reyna-Muniain, que a lingua e a cultura galegas estean presentes no ámbito universitario xunto con outras linguas románicas.
Os coñecementos previos destas últimas poden facilitar ademais a aprendizaxe. O coordinador do CEG, que tamén foi lector e profesor de galego, explica que o alumnado pode avanzar rapidamente aproveitando o que xa sabe de castelán, francés, portugués ou doutras linguas da mesma familia.
Para unha parte dos estudantes, aproximarse ao galego significa tamén atopar unha Galicia afastada da imaxe que asociaban previamente con España. Reyna-Muniain sinala que os estereotipos existentes no exterior adoitan estar relacionados principalmente con Madrid ou co sur do Estado, polo que cuestións tan básicas como a paisaxe, o clima ou determinadas expresións culturais galegas poden resultar sorprendentes. “Sorpréndelles moito que Galicia sexa tan verde“, exemplifica.
Do galego da aula ao galego da rúa
A viaxe permitiu profundar precisamente nesa diferenza entre estudar unha lingua dende Alemaña e observala no seu contexto social.
Baixo a dirección de Eggert, o alumnado realizou durante os días da estadía traballo de campo sobre a paisaxe lingüística, recollendo fotografías e anotacións sobre os usos dos idiomas nos espazos polos que transitaban. Isto fixo que prestasen atención a detalles que para unha persoa que vive en Galicia poden pasar inadvertidos.
Reyna-Muniain lembra, por exemplo, a observación da cartelería dun supermercado no que o galego aparecía antes que o castelán e destacado tipograficamente. Tamén repararon nas linguas utilizadas espontaneamente no transporte público e nas interaccións cotiás entre condutores e usuarios. “Son cousas que nós damos por naturais“, explica.
A relevancia desa observación aumenta polo contexto do que procede o alumnado. Schleswig-Holstein, o estado federal do que Kiel é capital, é tamén un territorio plurilingüe no que conviven, entre outras, linguas como o alemán, o baixo alemán, o danés e o frisón.
Porén, Reyna-Muniain sinala unha diferenza que chamou a atención dos estudantes: algunhas desas linguas minoritarias están máis limitadas a determinados contextos xeográficos ou familiares, mentres que durante a estadía puideron atopar o galego tamén nas institucións, nos equipamentos culturais e en situacións da vida diaria. “Penso que quedaron moi impresionados positivamente polo desenvolvemento que ten a nosa lingua e a nosa cultura aquí, quero dicir, a presenza da lingua nas universidades, nos centros culturais, nos museos“, sinala.
O coordinador introduce, con todo, un matiz: a realidade non é idéntica en todo o territorio e a situación lingüística das cidades presenta características propias. Con todo, considera que a viaxe lles permitiu comprobar un nivel de presenza social que inicialmente non todos esperaban.
Da Real Academia Galega ao Museo do Pobo
O programa estaba deseñado para que ese achegamento non se producise unicamente na rúa. Durante a súa estancia, o grupo visitou a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Consello da Cultura Galega, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega (ILG).



Na RAG puideron coñecer diferentes liñas de investigación relacionadas coa toponimia, a onomástica, a sociolingüística e a lexicografía, mentres que o percorrido incluíu tamén institucións culturais como o Museo do Pobo Galego, o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Museo do Mar de Galicia e o Museo de Pontevedra. O contacto co tecido institucional galego non era completamente novo para o alumnado do CEG. Ao longo dos últimos anos, Kiel recibiu diferentes representantes do ámbito académico e cultural de Galicia.
Reyna-Muniain lembra, entre outras visitas, a do actual presidente da Real Academia Galega e a de Rosario Álvarez, anterior presidenta do Consello da Cultura Galega. As relacións entre ambas partes permitiron celebrar tamén actos institucionais en Alemaña nos que Galicia e Schleswig-Holstein estiveron representados. A diferenza nesta ocasión foi, explica, poder ver directamente en Galicia o funcionamento das institucións e combinalo co contacto cotián coa sociedade.
O programa procurou por iso non reducir a experiencia a encontros oficiais. A delegación tamén tivo ocasión de conversar con músicos tradicionais, estudantes, familiares e outras persoas alleas ás institucións. A intención era que o alumnado puidese relacionarse “tranquilamente coa xente”, e non só a través de cargos ou representantes oficiais.
Castelao, o mar e o rap en galego
As manifestacións culturais ocuparon igualmente unha parte importante da viaxe. No Museo de Pontevedra, os estudantes percorreron a exposición dedicada a Castelao e puideron observar ‘A derradeira lección do mestre’, obra cedida temporalmente polo Centro Galicia de Buenos Aires.
No Museo do Mar de Galicia, en Vigo, a visita permitiu relacionar a historia da pesca e das embarcacións tradicionais coa literatura e coa poesía galegas vinculadas ao mar, así como coas referencias de Jules Verne á ría de Vigo.
A música tamén serviu como ferramenta para aproximarse á lingua dende fóra do contexto estritamente académico. O último día, durante a sesión celebrada no Instituto da Lingua Galega, o músico e rapero García MC participou nun encontro co alumnado e nun pequeno obradoiro de composición e improvisación en galego.
A xornada final serviu ademais para que os estudantes puxesen en común as observacións acumuladas durante toda a experiencia. O traballo articulouse arredor de tres grandes eixes: a paisaxe lingüística, as expresións artísticas e musicais e a relación histórica e actual de Galicia coa diáspora.
“Embaixadores” do galego despois das aulas
A existencia de estudantes que deciden aprender galego voluntariamente fóra de Galicia adquire unha dimensión particular nun momento no que boa parte do debate interno arredor da lingua está centrado na evolución do número de falantes.
Para Reyna-Muniain, manter unha rede de lectorados e Centros de Estudos Galegos no exterior pode ter consecuencias que van máis alá do propio ensino universitario. O coordinador considera que a presenza académica internacional contribúe á investigación e ao coñecemento da realidade galega, pero tamén pode producir un “efecto de prestixiamento” da lingua.
A relación, sostén, resulta beneficiosa para as dúas partes. Para unha universidade como Kiel permite ofrecer ao alumnado unha perspectiva máis ampla do ámbito románico e unha comprensión máis completa tanto do mundo hispánico como do lusófono, dada a posición lingüística e cultural de Galicia e a súa relación histórica coa diáspora.
Dende Galicia, pola súa banda, esa rede deixa persoas que continúan mantendo vínculos coa lingua despois de finalizar as materias. “Case todos os participantes dos cursos logo vólvense embaixadores da lingua e de Galicia“, resume Reyna-Muniain. Non significa necesariamente que todos orienten a súa carreira académica cara aos estudos galegos. O que observa tras anos de docencia é que o contacto coa lingua pode modificar a percepción que teñen de Galicia e facer que continúen interesados nela despois de abandonar a aula.