Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Da estandarización do galego ao humor como ferramenta crítica: o novo volume do CCG aborda os retos da diversidade lingüística

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe o libro Identidades e ideoloxías perante a diversidade lingüística, un volume colectivo que reúne achegas de especialistas galegos e internacionais arredor dos procesos de construción e negociación das identidades e das ideoloxías lingüísticas en contextos multilingües. A obra forma parte da colección ‘Ensaio e Investigación’ do CCG e deriva do proxecto estatal ‘Contacto, cambio lingüístico e ideoloxía en contextos de minorización lingüística’, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

A presentación, celebrada no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía, estivo conducida pola profesora Elisa Fernández Rei, coeditora do volume, que explicou que o libro “é o resultado dun camiño que comezou nun proxecto de investigación, continuou nun simposio sobre contacto de linguas e identidades, e culmina agora con esta publicación coral”. Segundo aseverou a profesora, o obxectivo foi reunir voces complementarias para ofrecer “unha ollada ampla sobre como se constrúen e se discuten as identidades lingüísticas, tanto dentro de Galicia como noutros espazos de diversidade”.

A vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, e tamén profesora da Facultade, destacou pola súa banda a importancia da continuidade deste tipo de proxectos, que o organismo leva apoiando “desde hai máis de vinte e cinco anos”. Lembrou que “os proxectos culturais e científicos precisan estabilidade e espazos de referencia”, e subliñou que o libro “é unha mostra de como a investigación lingüística galega consolida unha tradición de análise crítica e plural”.

Vilavedra incidiu tamén na vixencia do tema, nun momento en que “a reivindicación das identidades múltiples pode ser unha alianza e non un obstáculo” para as linguas minorizadas: “Estudar e comprender estas realidades desde unha perspectiva científica é tamén un exercicio de cidadanía”, afirmou.

Diversidade de enfoques e contextos

O libro reúne dez capítulos agrupados en dúas seccións: Identidades e ideoloxías lingüísticas e Multilingüismo e contacto de linguas. Nel participan trece autoras e autores de universidades de Galicia, o País Vasco, Portugal, Países Baixos e Estados Unidos. Entre eles figuran Noemi Basanta, Xosé Luís Regueira, Gabriel Rei-Doval, Ana Iglesias, Luke Bishop, Agurtzane Elordui, M. Carmen Parafita Couto, Gabriela Prego Vázquez, María Caamaño Rojo, Luz Zas Varela, Marta Estévez Grossi, Carme Silva-Domínguez e María Sampedro Mella.

Segundo explicou o tamén editor Miguel Guisantes, o volume “representa moi ben a diversidade de enfoques que hoxe conflúen na sociolingüística contemporánea”, combinando perspectivas discursivas, psicolingüísticas, gramaticais e etnográficas. Os textos, dixo, “dialogan entre si arredor dun eixo común: a diversidade lingüística como espazo de negociación social e ideolóxica”.

Da estandarización ao humor como resistencia

Entre os temas abordados destacan o debate sobre a norma do galego nas redes sociais, analizado por Noemi Basanta e Xosé Luís Regueira; as tensións entre o estándar e as variedades vivas estudadas por Gabriel Rei-Doval; ou a conciencia metalingüística dos falantes universitarios, que investiga Ana Iglesias.

O investigador Luke Bishop, da Universidade de Texas, ofrece unha radiografía dos neofalantes ourensáns, amosando a diversidade de perfís e motivacións que existen dentro deste grupo. Pola súa parte, a profesora vasca Agurtzane Elordui examina o uso do humor e da performance como ferramentas de crítica social, en particular nas parodias carnavalescas que cuestionan os límites da autenticidade lingüística.

A segunda parte do libro amplía o foco a outros contextos multilingües. A lingüista M. Carmen Parafita Couto, da Universidade de Leiden, propón unha visión cognitiva e discursiva do multilingüismo como norma e non como excepción, mentres que Gabriela Prego Vázquez, María Caamaño e Luz Zas Varela analizan as ideoloxías lingüísticas que afloran nas aulas e nas familias a través de proxectos educativos baseados na diversidade.

Marta Estévez Grossi aborda o fenómeno da intermediación lingüística por parte de menores, que asumen o papel de intérpretes entre as institucións e as súas familias migrantes, e Carme Silva-Domínguez estuda as experiencias lingüísticas da diáspora galega retornada a través das bolsas BEME. Pecha o volume María Sampedro Mella, cun estudo contrastivo sobre as formas de tratamento usted e você no castelán e no portugués europeo, e a súa progresiva estigmatización social.

O galego, un laboratorio vivo de diversidade

Durante a presentación, Parafita Couto subliñou que “as persoas multilingües non gardan as súas linguas en caixiñas separadas: úsanas de forma integrada e dinámica segundo o contexto e o interlocutor”. O seu capítulo defende que fenómenos como o Spanglish ou as alternancias de código “non son erros nin interferencias, senón estratexias de comunicación eficientes que amosan a creatividade e a flexibilidade dos falantes”.

Tamén interveu a investigadora Gabriela Prego, que lembrou que as aulas galegas son “un espazo privilexiado para observar como se constrúe a diversidade lingüística”, e destacou a necesidade de incorporar todas as linguas do alumnado ao ensino “para facer da educación un lugar de inclusión e xustiza social”.

Unha reflexión necesaria sobre o plurilingüismo

Para Elisa Fernández Rei, o libro “invita a pensar as linguas como prácticas sociais, non como sistemas pechados”. A súa finalidade, engadiu, é “ofrecer ferramentas teóricas e empíricas para entender a diversidade lingüística como oportunidade e non como conflito”.

O volume, que pode descargarse de balde na web do Consello da Cultura Galega, consolida unha liña de investigación que, nas palabras de Dolores Vilavedra, “sitúa Galicia nun diálogo internacional sobre identidade, lingua e diversidade”.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.