Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Conta o galego cunha situación de liberdade real? A debate en Arzúa este venres

Este venres 24 de xaneiro ás 20:00 horas, a Libraría Anagrama en Arzúa acollerá a presentación do libro Liberdade para o galego, escrito por Marcos Maceira e Elsa Quintas. No acto intervirán tamén, como presentadora, a concelleira de Normalización Lingüística, Lucía López Sobrado, e o sociolingüista vasco Kike Amonarriz.

Unha reflexión sobre a liberdade do galego
A obra parte dunha análise da liberdade como concepto, definida nos dicionarios galegos como a facultade para actuar segundo os propios criterios e sen imposicións. A partir deste punto, os autores cuestionan se o galego conta cunha situación de liberdade real no seu uso ou se, pola contra, existen condicionantes, coaccións ou limitacións que obstaculizan o seu desenvolvemento pleno en diversos ámbitos da vida social.

Segundo a sinopse do libro, a liberdade para usar o galego está “condicionada a unha subordinación estrutural respecto do español”. Este traballo baséase en datos recompilados pola Mesa pola Normalización Lingüística, incluídos informes presentados ao Comité de Expertos do Consello de Europa e ao Relator especial da ONU para os dereitos das minorías.

Ámbitos de análise e compromisos institucionais
O libro aborda os principais ámbitos sociais onde existen compromisos institucionais a prol do galego, analizando até que punto se materializan eses acordos. Os autores subliñan que “a exclusión e as limitacións son tantas que o espazo non permite abordar todas elas”.

Esta presentación pretende abrir un debate sobre os retos que afronta a lingua galega e os pasos necesarios para acadar un estado de liberdade plena para o seu uso. O acto estará aberta ao público.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.