Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Cinco consellos útiles para dar os teus primeiros pasos como neofalante 

Por onde comezo?, E que pasa se me trabuco seguido?, Como vai reaccionar a miña familia e as miñas amizades? Cambiar dunha lingua para outra na vida cotiá non é tarefa fácil. O idioma que cada quen emprega para comunicarse no día a día forma parte da identidade persoal, e comezar un proceso de conversión lingüística require de moita paciencia, esforzo e compromiso. Mais paso a paso, respectando os ritmos propios e sen forzar, o camiño ata converterse en neofalante, se é un desexo pendente, ha resultar máis levadeiro. As aprendizaxes tiradas por quen xa pasou pola experiencia poden ser de gran axuda a quen se anime de aquí en diante. Imos ver!

CONSELLO 1: ESCOLLE UN PLAN

Hai quen decide dar os pasos pouco a pouco e quen decide romper dun día para outro co seu idioma habitual. Hai quen prefire combinar galego e castelán e quen se decanta por dar o paso completo cara ao galego. Calquera das opcións é posible, mais cadaquén debe escoller a que máis se lle axeite aos seus tempos e expectativas. Marta Salutregui, unha moza ferrolá graduada en Humanidades e máster en Formación do Profesorado, dá un apunte moi útil: “É importante non angustiarse co concepto de ‘paso definitivo’ porque hai xente que precisa de moitos intentos para conseguilo”. 

Ela leva falando galego por completo case un ano logo de varias probas. “Aínda hai días que esperto e se me esquece!”, recoñece. A súa realidade lingüística na infancia e na adolescencia caracterizouse polo uso xeneralizado do castelán en todos os ámbitos. Foi grazas á materia de galego, aos libros da escola e ao Xabarín Club que ela aprendeu o galego, mais non se botou a falalo con frecuencia ata a súa chegada a Compostela. Alí, decidiu ir engadindo progresivamente ámbitos de uso: comezou polas redes sociais, logo introduciuna na comunicación escrita, máis tarde probou con persoas descoñecidas e, finalmente, atreveuse coa familia e as amizades. Un plan que lle permitiu ir “perdendo os medos” e evitar maiores incomodidades. 

A profesora Pilar Ponte, tamén neofalante e impulsora do proxecto ’21 días co galego e máis’, incide precisamente nesta idea de ir introducindo o galego en ámbitos de uso de menor a maior dificultade. Nos comercios, coas novas amizades ou en calquera outro espazo de socialización recente, cambiar de lingua é máis sinxelo porque “esa xente non ten nada que desaprender de ti”. “Penso que nunca se debe comezar pola casa, porque canto máis asentada é a relación coas persoas, máis asentado é tamén o idioma desa relación, e daquela, máis difícil resulta o cambio”, di Pilar.

O proceso é moi persoal e, se a nosa intención pasa por facer un cambio completo, este pode levar tempos variados segundo os ritmos de cada persoa. Desde as poucas semanas de Pilar Ponte ata os case dez anos de Rebeca Bande, ourensá empregada de banca que durante un longo período permaneceu no castelán no seu posto de traballo mentres xa mudara ao galego no resto de ámbitos da súa vida. “É un sector complicado…”, di, “pero un día dixen: ata aquí!”. Para sorpresa súa, agora cada vez que descolga o teléfono e dá o ‘bo día’, escoita moito máis galego ao outro lado da liña. “Temos un axente galeguizador do que non somos de todo conscientes!”, engade. 

Outras persoas, no canto de mudar progresivamente de lingua, si que se decantan por facer un corte drástico co castelán de cara ao galego. “Eu decidín que fose o meu propósito de aninovo para concienciarme a min mesma de que había que ir en serio, así que puxen un chío en Twitter para que non houbese marcha atrás. Tres anos despois, pénsoo e creo que foi moi boa idea”. No caso de Alba Rodríguez, cuxo compromiso público en Twitter mobilizou moito apoio e cariño, iniciar a mudanza lingüística de maneira menos gradual deulle resultados positivos. “Ter esa meta clara e ir por ela aportoume máis confianza en min mesma”, relata Alba. Algo semellante explica Nee Barros, estudante e youtubeire: “Eu sou muito de dar o passo e mudar em todos os ambientes ao mesmo tempo, porque a mim me funcionou assim, e foi como um desafio”.

CONSELLO 2: EXPONTE O MÁXIMO Á LINGUA

A través das redes sociais, da música, da literatura… podemos atopar conexións persoais e moi fortes coa lingua. Un dos consellos máis repetidos entre as persoas neofalantes que aparecen nesta reportaxe é precisamente este: encherte de lingua! “É moi útil intentar ler os libros en galego durante esa primeira etapa. Gañas vocabulario e tamén conectas máis co idioma”, di Alba. “Falá-lo por redes e unir-te a outra gente que também o faga ajuda muito, assim como consumir conteúdos na nossa língua: música, YouTube, Twitch, Podcasts…”, aconsella Nee. “Se tes galego ao seu redor, moi ben, e se non, mira a tele, atende a radio… Escoita falar nesa lingua”, remata Pilar.

CONSELLO 3: BUSCA ENTORNOS AMIGOS

Para Rebeca Bande, falar galego nun entorno castelanizado supón “remar a contracorrente”. Cómpre ter presente, tal e como indica Juan Vergara, vigués asentado en Bruxelas e participante dos Faladoiros en Vigo, que castelán e galego son dúas linguas en desiguais condicións, de forma que para “pasar dun idioma normalizado, hexemónico en certas zonas do país e sobre o que non recaen prexuízos a outro ao que lle sucede o contrario hai que ter moita motivación e vontade”. Nun contexto diglósico coma este, resulta de especial importancia crear e buscar ‘entornos amigos’ para a lingua. De que falamos? “De lugares onde te poidas iniciar sen sentir que te xulgan, onde simplemente te acostumas a interactuar en galego de forma tranquila, sen preocuparse pola reacción dos demais. Así, pouco a pouco, xa non te notas estraño e podes dar outros pasos”, explica Pilar Ponte.

Ela é impulsora do ’21 días co galego e +”, unha iniciativa que busca crear ese “contexto amable” no ámbito da escola. Así, as crianzas, a modo de xogo, asumen o reto de falar 21 días – e máis – en galego, un xeito de coller práctica e espertar reflexións e conciencia sobre a realidade lingüística que as rodea. Xustamente o espazo educativo, sobre todo a secundaria e a universidade, son lugares e etapas especialmente proclives ao neofalantismo. “Na secundaria, por razóns psicolóxicas e sociolóxicas, constátanse máis intentos frustrados. Coa chegada á universidade coinciden cambios moi relevantes na personalidade a na socialización que poden favorecer a conversión lingüística”, explica o sociolingüista da UVigo e experto en neofalantismo Fernando Ramallo. Por iso, crear ese “contexto cómodo de uso” nos colexios é fundamental para ir sementando ese posible cambio: “serve para que moitos saian do armario lingüístico, para empoderar o alumnado galegofalante e para chamar polos neofalantes”,  explícase Pilar.

Fóra do ámbito escolar, existen moitas iniciativas ao longo do país, relacionadas ou non directamente coa lingua, que funcionan como espazos amables para o galego. Poden ser os Faladoiros de galego en Vigo, actividades de asociacións, ou mesmo espazos de activismo, aliados no caso de Marta Salutregui, por exemplo: “Os meus primeiros contactos con grupos de xente que falaban en galego foron no activismo feminista e LGBT+, que son espazos nos que me atopo especialmente cómoda. Iso fixo que lle engadira un valor positivo á lingua galega: sentía que se a empregaba noutros contextos, podía levar comigo esas boas sensacións”. Marta tamén decidiu crear un espazo virtual para neofalantes co fin de que a transición lle resultara máis doada. “O primeiro que fixen”, relata, “foi convidar á miña familia e comunicarlles a miña vontade de selo”. 

CONSELLO 4: AS REDES SOCIAIS SON AS TÚAS ALIADAS

Nelas tamén podemos atopar un ‘espazo amigo’ do galego. As redes sociais constitúen un contexto de socialización fundamental no que adoitamos ocupar moito tempo no noso día a día, e cómpre entendelas, seguindo a Ramallo, como “un espazo de oportunidades para a mobilización da lingua”: “Para moitas persoas é máis doado incorporarse ao neofalantismo a través das tecnoloxías dixitais, nas que a interacción inmediata pode ser máis sutil. Nalgúns casos constitúe unha forma magnífica de experimentar a nova subxectividade, antes de desenvolverse plenamente en galego na vida cotiá”. Tendo en conta a “forza extensiva” de plataformas como TikTok, Instagram, Twitch, YouTube…,  “a aposta polo galego debe fortalecerse coa creación de comunidades de práctica que constitúan espazos de privilexio no uso do galego”, prosegue Ramallo.

E o certo é que ao abrigo das redes sociais medran cada vez máis propostas de contido en galego sobre temas moi diversos: videoxogos, cultura pop, literatura, maquillaxe… “Eu recomendaría que se sumen a estas comunidades: Twitch en Galego, Podgalego, clubs de lectura… mesmo o “galitwitter”! Coñecerán unha chea de xente interesante e enriquecedora coa que crear vínculos e usar a lingua”, anima Juan Vergara. Nee Barros, que elu mesme é creadore de contido e publica vídeos sobre literatura e xénero, dá uns cantos nomes para ir buscando camiño nas redes: “@AmilGZ (leva a conta @emgalego no Twitter); o Son das Ideas ou o astroxabi (divulgadores científicos); os canais do Twitch de ciência Balea Vermella, Ciencia e tal e Ecos de Xigantes; o podcast as Womansplainers; o canal do YouTube Lilium; Malva no Tiktok… Poderia fazer uma listagem infinita de gente genial!”.  

Ademais dunha boa forma de expoñerse á lingua, nestas comunidades pódese atopar moito apoio e consello mutuo ao longo do proceso.

CONSELLO 5: FÓRA PREXUÍZOS

“Non podo dicir que todo sexa un camiño de rosas”, recoñece Alba Rodríguez, “pero as preguntas e os comentarios son pasaxeiros”, tranquiliza. Moitas persoas que dan o paso a falar galego baten de fronte con cuestionamentos que derivan dos prexuízos lingüísticos de sempre: que se ‘háblame en castellano’, que se ‘qué raro se me hace que hables así’’, que se ‘¿por qué hablas gallego siempre?’… Fronte a isto, Alba é clara: “Nin medo nin vergoña. Non debemos poñernos a barreira do ‘que dirán’ por diante do que desexamos. Aconsello ignorar as críticas que che poidan facer polos erros que cometes”. Ao comezo, tal e como lle aconteceu a Alba, é normal “falar máis lento, a trompicóns e con moitas faltas”. Coma todo nesta vida, é cuestión de práctica e paciencia!

E se no proceso, as persoas neofalantes atopan a comprensión e o apoio de quen ten o galego como lingua nai, mellor que mellor. Para explicar isto, Pilar Ponte emprega o concepto de “amabilidade lingüística”, que apela directamente ás actitudes desenvolvidas polo resto de persoas cara ás que se están iniciando na lingua galega. “Porque son poucas, pero hai persoas que teñen complexo de correctoras e tradutoras simultáneas. A amabilidade lingüística di que se alguén non che pide corrección ti non tes dereito a corrixilo; se non o que estás conseguindo é interromper a comunicación desa persoa nesa lingua. Para aprender unha lingua hai que primeiro confundirse”, remarca a profesora. Nunca está de mais recordar aquilo de que o único galego malo é aquel que non se fala. Así que adiante! “Tu pensa que o castelhano já o fala muita gente na Galiza, precisamos-te do lado do galego!”, anímate Nee.
[mistape]

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.