O Concello de Castroverde vén de facer pública a convocatoria da sexta edición do seu concurso de microrrelatos, unha iniciativa orientada a promover o uso da lingua galega na creación literaria e a incentivar a capacidade narrativa da cidadanía a través de textos breves.
Nesta edición, o certame propón como eixo temático ‘A lareira dos avós’, un concepto que convida ás persoas participantes a elaborar relatos concisos capaces de transmitir emoción e significado. Segundo recolle a convocatoria, un microrrelato debe “contar algo pequeno cun fondo relevante”, evitando explicacións innecesarias e apostando pola suxestión.
O concurso está aberto a persoas maiores de 12 anos, aínda que no caso das menores será precisa a correspondente autorización da súa tutela legal. As obras deberán ser orixinais, inéditas e escritas en galego, e non poderán terse presentado nin resultado premiadas noutros certames.
As persoas interesadas deberán remitir os seus traballos por correo electrónico en dous arquivos PDF diferenciados: un co texto do microrrelato —sen sinatura e cunha extensión de entre 100 e 200 palabras— e outro cos datos persoais da autoría. A organización especifica que non se admitirán envíos que inclúan información persoal no título dos arquivos, condición que implicará a súa exclusión.
O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 17 de maio de 2026. Un xurado composto por persoas especializadas en materia lingüística será o encargado de avaliar os textos, tendo en conta criterios como a corrección lingüística, a adecuación á temática, a creatividade e a calidade literaria. O fallo será inapelable e poderá declarar desertos os premios se considera que non se acada o nivel requirido.
A resolución comunicarase telefonicamente ás persoas gañadoras e publicarase na web e nas redes sociais municipais, onde tamén se difundirán os textos premiados xunto coa identidade das súas autoras ou autores.
As bases establecen ademais que quedarán excluídas aquelas obras que vulneren dereitos fundamentais ou inclúan contidos discriminatorios, garantindo así o respecto á dignidade das persoas.
En canto aos galardóns, o certame repartirá un total de 760 euros, distribuídos en catro premios: un primeiro de 400 euros, un segundo de 200, un terceiro de 100 e un cuarto premio de 60 euros.