Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Carlos Pascual, neofalante: “Eu xa lía en galego a Manuel María ou a Cunqueiro”

Levas xa un tempo vivindo na Mariña, mais ti non vivías antes nesta comarca.

Non, eu son de Madrid aínda que a miña nai era de Lourenzá e por iso sempre tiven ese vínculo con este lugar, na parroquia de Santo Adrao.

Esa foi entón a principal motivación para asentáreste aí?

Ben, a miña nai emigrara moi nova, con dezaoito anos, desde aquí. Iso foi o motivo de que eu pasara as vacións de verán na aldea. Sempre me sentín moi vinculado á este lugar porque me gustaban os animais, a agricultura e por iso tiña ese desexo de vir para aquí. Cando conseguín ter un bo traballo en Madrid, sempre xuntaba os días de libranza e por iso viña para aquí unha semana por mes. Cando me xubilei asenteime aquí definitivamente.

Entón xa tiñas unha casa aí.

Os meus pais mercaron unha casa aquí, si, e logo eu comprei a parte dos meus irmáns para quedar nela.

Desde que te instalaches, fas algún tipo de actividade en Lourenzá?

Son secretario da Asociación de Patrimonio Laurentino, estou no curso de galego e participo moito con Recuperación da Memoria Histórica.

Cales foron as motivacións para facer o curso de galego?

O curso de galego comezou o 11 de xaneiro deste ano na Escola Marabillas, en Arroxo, e as motivacións son buscar unha maior integración no lugar, desenvolvemento lingüístico, poder comunicarme nesta fala que me gusta moito e integrarme neste lugar.

Aínda así, como naceu dentro de ti a motivación para aprenderes o galego?

Eu lía en galego a Manuel María, tamén poetas da comarca como Cunqueiro e logo coñecín a Lionel Rexes con quen falei de organizar un curso de galego. Logo coñecín a Luis Olmo e a Bernardo Penabade e desde aí decidimos poñer o curso en marcha.

Túa nai non che falaba en galego?

Miña nai non falaba galego.

Que recursos usas para ir avanzando pola túa conta para ir avanzando no galego?

Leo e escribo de galego, participo en grupos de lectura en galego, fago o curso de galego, gravo as miñas conversas e logo, despois de escoitarme, corrixo os erros que teño.

Interactúas coa túa veciñanza en galego?

Si, si, cos meus veciños falo en galego mais teño algunas fallas por iso me axudan un pouco.

Que parte é a máis difícil para ti de aprender galego e se percibiches algo que che chamara a atención con respecto ao castelán?

O léxico, porque hai moitas palabras que non coñecía. Ás veces teño que preguntar polo seu significado. Á parte, pois algo que me gustou é a etimoloxía, por seren dúas linguas romances. Tamén me gusta moito a musicalidade desta lingua.

No curso de galego, á parte das aulas, facedes outro tipo de interaccións entre os e as alumnas?

Facemos unha aula presencial os sábados, e os mércores facemos multiconferencia para falar e o profesor vainos dirixindo nas pautas para desenvolver a aprendizaxe.

A parte máis difícil de aprender para ti?

As formas verbais, son o máis complicado de entender, aínda que o profesor ten un método que se entende rapidamente.

[redirect url=’URL’ sec=’3′]

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.