A Mesa pola Normalización Lingüística anunciou o lanzamento da campaña ‘Polo seu nome’, coa que busca mobilizar a poboación pola restauración da toponimia en navegadores e aplicacións de mapas dixitais.
A campaña reclama das compañías de mapas dixitais e navegación a restitución da toponimia nas súas aplicacións, sinalizando os lugares unicamente coas formas galegas, lexítimas e oficiais e empregando como base de datos fiábel e válida a incluída no nomenclator oficial de Galicia.
A iniciativa, que xa está na web e redes sociais e que chegará tamén aos concellos, ao Parlamento galego e ao Congreso, acompañarase de accións de todo tipo, incluídas as xudiciais para “salvagardar dereitos que tanto costou conquistar e que hoxe están a ser postos en cuestión”. O obxectivo é que a sociedade e o conxunto de poderes públicos actúen decididamente diante destas empresas para que corrixan e restitúan todas as denominacións deturpadas.
Os casos máis coñecidos son os de Google Maps ou Apple Maps. A deturpación dos nomes de lugar reprodúcese a través de outras aplicacións, redes sociais ou páxinas web, introducindo ao tempo novas deturpacións en nomes de lugar que até o de agora non se viran afectadas polas ondas anteriores. “Chega a extremos de envíos postais ou de mensaxaría que non se reciben no seu destino por o nome oficial e de uso común non coincidir coa forma deturpada que só existe nos mapas das aplicacións, mais que por influencia destas aplicacións acaba por comezar a se estender”, critica Marcos Maceiras, presidente da Mesa.