A Federación de Librarías de Galicia súmase un ano máis á celebración do Día das Letras Galegas cunha promoción especial que pon en valor a nosa lingua e literatura. Os días 16 e 17 de maio, as librarías federadas aplicarán un desconto do 10% en todos os libros escritos en galego, como mostra de apoio á creación literaria na nosa lingua e de fomento da lectura en galego.
O Día das Letras Galegas 2025 está dedicado á poesía popular de tradición oral e ás mulleres cantarinas, figuras fundamentais na transmisión da cultura galega a través do tempo. Esta edición rende homenaxe á voz colectiva das mulleres que, a través dos cantos, regueifas, romances e coplas, conservaron e enriqueceron o patrimonio inmaterial de Galicia durante xeracións.
Desde a Federación de Librarías, convidan á cidadanía a celebrar esta data tan sinalada achegándose ás librarías e descubrindo o fondo editorial en galego, que abrangue desde obras clásicas ata as máis recentes novidades. “As librarías seguen a ser espazos de encontro, cultura e compromiso coa lingua propia”, indica a Federación de Librarías de Galicia.
Esta campaña enmárcase no labor continuo das librarías galegas por promover a literatura en galego e contribuír á súa difusión e visibilidade, especialmente en datas tan significativas para a cultura do país.