Unha pequena pita que soña con facer moitas cousas e de tanto soñar acaba por conseguir facer salto de lonxitude ou bailar claqué, acaba mesmo por lograr mudar as normas do galiñeiro. É a idea sobre a que pivota ‘A Pita Xefa’, unha obra coa que a actriz e tamén escritora Marta Lado vén de gañar a terceira edición do Premio Fina Casalderrey pola Igualdade. O libro, editado por Baía Edicións, presentarase este xoves 23 ás sete da tarde no Salón de Actos de Fisterra.
Aí, a historia que naceu pensada para a súa filla, agora, ás portas da Noiteboa, será representada por nenas e nenos dos centros de ensino da vila. No acto de presentación estarán, ademais da autora, a concelleira de cultura Teresa Fernández Martínez, e a directora de Baía Edicións, Belén López Vázquez, que se encargarán de facer un achegamento crítico á obra.
‘A Pita Xefa’, unha obra enmarcada nun mundo animal-natureza, emprega a imaxe do galiñeiro para ilustrar as leis que rexen o comportamento dos distintos individuos que o forman, unha estrutura piramidal e dominada polo galo. O xurado do Premio Fina Casalderrey valorou, entre outros aspectos, un emprego do galego “moi coidado” e un tratamento “intelixente” que abre a porta a unha mudanza dos comportamentos estabelecidos dun xeito lúdico sen caer no dirixismo.
Unha pequena pita cun soño pode facer moitas cousas: salto de lonxitude, bailar claqué…pero, sobre todo, pode conseguir o máis importante: mudar as normas do galiñeiro!