O Concello de Vilagarcía acolleu esta mañá a presentación do programa de actividades para os vindeiros meses de Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega. A asociación, que é xestionada a través dos servizos de normalización lingüística de dezanove concellos, inclúe entre os seus obxectivos fundamentais promover e dinamizar o emprego do galego. Con esta premisa hoxe presentáronse as accións que se desenvolverán no primeiro semestre do ano e que converxen baixo a campaña ‘É túa. Pásaa!’ Este é o lema amosado a través de lonas en edificios municipais dos concellos participantes.
Na rolda de prensa participaron Sonia Outón e Tania García, concelleira de Cultura e Normalización Lingüística e tenente de alcalde do Concello de Vilagarcía de Arousa; Leticia Santos Paz, alcaldesa do Concello de Moaña, que exerce a vicepresidencia de Alingua; Victoria Quiroga Ramallo, concelleira de Cultura do Concello de Rois; e Martiña Pérez, unha das protagonistas da webserie que formará parte da axenda de actividades. Asistiron ademais o alcalde da Baña, Andrés García Cardeso; o de Ames, Blas García Piñeiro; a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro Díaz; concelleiros e concelleiras de Normalización Lingüística da Baña, Ames, Moaña, Narón, Pontevedra e Santiago; técnicas e técnicos dos servizos de normalización lingüística dos distintos concellos participantes e o xefe do Servizo de Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra, Julio Vázquez Martínez.
Leticia Santos Paz destacou que “Alingua é unha asociación de entidades locais que é consciente das vantaxes do traballo cooperativo, da importancia fundamental da colaboración para a política lingüística, pois ademais de permitir rendibilizar esforzos, axuda a visibilizar as accións que se realizan para dinamizar o uso da lingua, facendo que acade un maior impacto e incidencia na sociedade. Unir esforzos, sempre suma”, relatou.
https://www.youtube.com/watch?v=9HJXlhbBTRI&t=1s
“É TÚA. PÁSAA”
O lema elixido para a nova campaña é É túa. Pásaa! “Este será o lema da campaña de Alingua no ano 2023 e fai unha chamada á acción: usa e transmite a túa lingua, o galego”, comentou Victoria Quiroga Ramallo na rolda de prensa. Esa expresión xa se adiantou durante os últimos días amosándoo a través de grandes lonas penduradas das fachadas de edificios municipais dos dezanove concellos que forman parte de Alingua e en valos publicitarios, e hoxe desvelouse o tema musical creado para transmitir esa mensaxe (pódese ver nesta ligazón).
Trátase dun tema realizado por Fátima Pego, recoñecida cantante e comunicadora, e Grande Amore, destacado artista do panorama musical actual, que “convida a coidar a lingua pero sobre todo convida a falala, a usala”. Para dar continuidade á campaña repartirase material promocional como vinilos e bandeirolas, para que a veciñanza e os colectivos poidan facer visible o seu apoio a esta campaña e tamén para que aquelas persoas que non falan galego, se animen a dar o paso.
Xunto ao vídeo, no mes de maio estrearase nas distintas canles de Alingua a webserie en formato vlog O gran reto, na que tres persoas castelanfalantes amosarán a súa experiencia vivindo en galego durante 21 días. A creadora de contido María Rúa será a presentadora deste proxecto, no que cada protagonista fará un capítulo semanal con distintos desafíos e relatará a súa experiencia na transición lingüística.
Sobre Alingua
Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, é unha entidade da que forman parte dezanove concellos galegos: A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Carballo, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa; e a Deputación de Pontevedra como membro amigo.
Moitas destas institucións locais xa viñan colaborando en proxectos como Apego, Youtubeiras, Club de Debate ou Enreguéifate, e en 2019 crearon Alingua coa vontade de desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma entre diferentes concellos.Pode formar parte de Alingua calquera entidade que teña como obxectivo a defensa e a promoción do uso da lingua galega. As entidades locais que compartan este obxectivo e o desenvolvan a través de servizos de normalización lingüística poden ser socias.