A falta de materiais infantís en galego, especialmente dirixidos ás primeiras etapas da infancia, está detrás da colaboración entre Galego para peques e Pidopapas, dous proxectos nacidos dende a iniciativa particular e a experiencia familiar que decidiron transformar unha necesidade detectada nas súas propias crianzas nunha proposta editorial centrada no lecer educativo en lingua galega.
O resultado desa alianza é o novo ‘Caderno de actividades en galego para 4 anos’, unha publicación que procura ofrecer recursos adaptados para a aprendizaxe inicial mediante actividades vinculadas á grafomotricidade, lectoescritura e pensamento lóxico-matemático, ao tempo que amplía a presenza do galego nun ámbito no que ambos promotores coinciden en sinalar importantes carencias.

No caso de Galego para peques, o proxecto xorde en 2023 cando Álvaro López García e Fátima Suárez Barrantes comprobaron, a raíz da crianza do seu fillo, a escaseza de contidos audiovisuais en galego pensados para nenos pequenos. Segundo explica Álvaro, a ausencia de opcións foi evidente desde o inicio: “Non hai practicamente nada ao entretemento audiovisual”. A partir desa constatación, decidiron crear vídeos, cancións e contos en YouTube cun enfoque educativo e cunha estética afastada da sobreestimulación visual.
A proposta buscou dende o principio diferenciarse doutros contidos dixitais mediante un ritmo pausado e un deseño pensado para a infancia temperá. “Non queríamos que fora sobreestimulante”, sinala, resumindo unha filosofía baseada en aproveitar o tempo de pantalla como ferramenta de aprendizaxe e non só como consumo pasivo.
Co paso do tempo, o proxecto foi ampliando formatos, dende vídeos e cancións ata fichas educativas, e esa evolución desembocou agora no salto ao papel. Álvaro explica que a idea do caderno xa estaba presente desde os primeiros materiais complementarios: “Pensamos que o caderno é unha boa maneira de xuntalas todas, publicálas e chegar a máis familias e docentes”.
A colaboración con Pidopapas produciuse a través das redes sociais, ao identificar afinidades entre ambos proxectos. Pidopapas, impulsado por Breixo, nacera tamén dunha necesidade doméstica: a falta de sopas de letras, pasatempos e materiais lúdicos en galego para as súas fillas. O que comezou como unha actividade caseira acabou converténdose nunha liña editorial propia tras comprobar que en librarías apenas existían alternativas deste tipo.
Breixo relata que a orixe foi tan práctica como directa: as súas fillas pedían pasatempos en galego e non os atopaban. A solución foi facelos el mesmo. Ese proceso levou primeiro á creación de materiais propios e posteriormente á publicación de varios libros, nun percorrido que tamén inclúe experiencias como escape rooms en galego.
Dende a súa perspectiva, o xogo é unha das ferramentas máis eficaces para a transmisión lingüística. “Aprender xogando é como mellor quedan as cousas”, afirma, defendendo que o galego pode incorporarse á vida cotiá infantil con maior naturalidade se se presenta dende espazos lúdicos e non exclusivamente académicos.
Ambos proxectos coinciden en que o principal obxectivo non é substituír a escola, senón complementar a oferta existente e introducir o galego en ámbitos nos que adoita ter menos presenza, especialmente no entretemento e nos recursos comerciais para a infancia. Álvaro apunta que o problema non é só educativo, senón tamén de dispoñibilidade real: fronte á enorme oferta noutras linguas, o galego segue contando con menos propostas, especialmente nas plataformas dixitais e nos materiais para idades temperás.
No deseño do novo caderno, esa reflexión traduciuse nunha decisión concreta: centrarse especificamente nos 4 anos, en lugar de optar por unha franxa máis ampla. O obxectivo, segundo explica Galego para peques, foi ofrecer unha guía clara ás familias para identificar con maior precisión a adecuación do material á etapa evolutiva das crianzas.
Pola súa parte, Breixo destaca que a colaboración permitiu combinar públicos e enfoques complementarios: por unha banda, a experiencia audiovisual e pedagóxica de Galego para peques; por outra, a traxectoria de Pidopapas no ámbito do xogo e da autopublicación de materiais lúdicos.
A resposta inicial do público, marcada polo posicionamento destacado do libro na prevenda de Amazon antes mesmo da súa chegada ás librarías, foi recibida como un indicio da demanda existente. Breixo cualifícaa de “espectacular”, especialmente porque se produciu sen unha campaña de promoción consolidada e antes da distribución física.
Tanto Álvaro como Breixo coinciden tamén nunha reflexión máis ampla: a necesidade de que moitas destas iniciativas xurdan dende proxectos particulares evidencia tanto o compromiso de familias e creadores como a existencia de espazos aínda pouco desenvolvidos dentro da oferta comercial galega.
No fondo, ambos sinalan unha mesma idea: normalizar o galego tamén implica facelo presente no xogo, no ocio e nos primeiros contactos culturais da infancia. Para Breixo, ademais do valor identitario, existe unha dimensión práctica: o bilingüismo é unha vantaxe útil que debería aproveitarse desde o inicio. Para Álvaro, a clave está en ofrecer ferramentas que permitan que o galego estea dispoñible desde os primeiros anos, cando “o neno absorbe”.