Ali Briere preséntase como unha muller de Wyoming, nos Estados Unidos, “do Oeste Salvaxe”. Leva xa máis de cinco anos en Galicia e, antes de chegar, non tiña ningún vínculo familiar nin persoal coa lingua galega. O que si tiña era unha relación moi forte coas linguas. Estudou Filoloxía Hispánica —máis centrada na literatura hispánica—, fixo un intercambio en Chile e tamén estudou árabe en Marrocos durante un curso. Por iso, cando soubo que viña a Galicia, tivo claro que quería aprender galego.
O problema foi que, dende a distancia, apenas atopou recursos. Lembra ter buscado que era o galego en Wikipedia e atopar pouco máis ca algunha explicación básica e un pequeno audio de como soa a lingua. “Quería aprender antes de vir, pero non atopaba case nada”, explica. Por iso, cando chegou como auxiliar de conversa Fulbright ao IES Campo de San Alberto, en Noia, unha das primeiras cousas que fixo foi achegarse ao profesorado de galego e facerlles preguntas. A súa entrada no galego comezou así: preguntando, escoitando e tentando entender unha lingua que xa lle espertaba curiosidade antes de poder falala.
Ali vivía en Santiago, mais o seu primeiro contacto laboral foi en Noia. Ao chegar xa sabía falar castelán, polo que podía moverse e comunicarse sen grandes dificultades. Porén, axiña percibiu que en determinados espazos, sobre todo no instituto, o galego tiña unha presenza máis forte ca na cidade de Santiago.
O seu paso ao galego non foi inmediato, senón progresivo. Primeiro falaba castelán con palabras en galego. Despois, galego con palabras en castelán. Ata que chegou un momento no que se decatou de que podía expresarse nas dúas linguas. Esa toma de conciencia, lonxe de resolverlle a cuestión, abriulle unha dúbida: que facer a partir dese momento? Durante un tempo respondía en galego se lle falaban en galego e en castelán se lle falaban en castelán.
A decisión definitiva chegou pola influencia dun amigo galego que medrara falando castelán e que, xa no instituto, decidira mudar ao galego. Aquela experiencia serviulle como espello. “Mirei para el e pensei: estamos na Galiza, teño todo o dereito a falar galego. Na Galiza, en galego. E xa está”, resume.
“Á xente galega ás veces cústalle máis”
Nos primeiros tempos sentía certo reparo ao falar galego. Non quería que as persoas tivesen que facer un esforzo extra por entendela nin converter a todo o mundo no seu profesorado particular. Co paso do tempo, gañou confianza e decidiu falar galego con naturalidade, aínda que ás veces se atopase con miradas estrañas.
En xeral, di, a reacción máis habitual é positiva. Moita xente dille que ten mérito por falar galego sendo de fóra. A ela, con todo, esa idea resúltalle curiosa. Considera que o seu caso non ten tanto mérito como o de moita mocidade galega que escolle falar galego no seu día a día. “O meu alumnado que fala galego si que ten mérito”, afirma, porque moitas veces esa rapazada pode enfrontarse a comentarios, miradas ou pequenas formas de presión que se van acumulando.
Para Ali, aprender galego sendo estranxeira pode xerar admiración, mais falar galego sendo galega ou galego non sempre recibe o mesmo recoñecemento social. Por iso insiste en que a dificultade non está só en aprender unha lingua, senón tamén en sostela nun contexto no que ás veces se penaliza.
O galego tamén serve para aprender inglés
Como docente de inglés, Ali ve con preocupación a situación lingüística da mocidade en Galicia. É unha realidade que lle produce tristeza e tamén enfado. Considera fundamental que o profesorado empregue o galego sempre que non estea impartindo directamente a materia en inglés. No seu caso, cando non fala inglés na aula, fala galego.
Defende que o galego debe estar presente tamén no ensino doutras linguas. Na súa opinión, cando o inglés se explica sempre a través do castelán, transmítese a idea de que o galego non serve para aprender, para comparar ou para acceder a outros coñecementos. “É como indicar que o galego é unha lingua inútil, que só vale para determinadas cousas, cando non é así para nada”, sinala.
Ali lembra que hai moitos exemplos nos que o galego pode ser unha ponte máis útil ca o castelán para aprender inglés. Cita o caso de “xornalismo”, máis próximo ao inglés journalism ca ao castelán “periodismo”. Pero non fala só de léxico, senón tamén de estruturas gramaticais e de comparacións entre linguas. Para ela, o galego non é só unha lingua que emprega porque lle gusta ou porque lle sae de dentro: é tamén unha ferramenta interesante para aprender inglés e outras linguas.
No seu proceso de aprendizaxe, a música en galego tivo un papel importante ao comezo, aínda que recoñece que hoxe lle gustaría consumir máis cultura nesta lingua. Di que non le tantos libros en galego como lle gustaría nin escoita tanta música como quixera. Tamén percibe a diglosia nese ámbito: moitas veces é máis doado atopar determinados libros ou contidos en castelán ca en galego, e no seu caso segue lendo moitísimo en inglés.
Con todo, hai algo que lle dá esperanza: ver a mocidade emocionarse coa música en galego. Cita concertos de artistas como Kid Mau ou Nove Louro e destaca a forza que ten ver rapazada cantando, berrando e socializando arredor de cancións en galego, aínda que despois entre eles falen castelán.
Para Ali, esa escena ten unha potencia especial porque amosa unha lingua viva entre a mocidade. Pode emocionarse falando con persoas maiores en galego, escoitando refráns ou formas tradicionais de falar, mais iso non lle chega como garantía de futuro. “Iso non me dá esperanza. O que me dá esperanza é ver unha lingua viva entre a mocidade”, explica. O futuro do galego, para ela, non pode depender só da memoria: ten que estar tamén no desexo, na música, nos concertos e nas relacións da xente nova.
Unha mirada dende os Estados Unidos
A súa experiencia como estadounidense tamén lle permite facer comparacións coa situación lingüística galega. Ali lembra que os Estados Unidos son un país construído sobre o colonialismo e sobre a eliminación de boa parte da poboación indíxena e das súas linguas. Por iso, sinala, non existe unha lingua indíxena estendida que funcione como lingua común do país. De feito, di que non coñece persoalmente a ninguén que fale unha lingua indíxena, nin sequera entre amizades indíxenas.
Tamén fala da situación do español nos Estados Unidos. Ela procede dunha zona onde non se fala tanto castelán como noutros estados ou espazos urbanos, mais percibe que as linguas que non son o inglés adoitan estar marxinadas. Lembra mesmo volver aos Estados Unidos con amizades galegas, falar galego nun supermercado e sentir que a xente as miraba raro porque pensaba que estaban falando español.
Ese contexto lévaa a reflexionar sobre o termo heritage speaker, empregado nos Estados Unidos para referirse a persoas criadas nunha comunidade cunha lingua diferente ao inglés, aínda que non a falen con fluidez. Pode tratarse de xente cuxos pais ou avós falaban español, por exemplo, mais na que a transmisión se interrompeu, moitas veces polo racismo e pola presión social.
Ali pensa que esa idea podería abrir unha reflexión interesante en Galicia. Ela si se recoñece como neofalante, porque non tiña ningún vínculo previo co galego antes de mudarse aquí. Pero cre que hai moitas persoas galegas que non encaixan exactamente nesa categoría: xente para a que o galego non foi a lingua nai, mais si era a lingua da familia, da aldea, do contorno ou dunha vida que puido ser e non foi por mor da represión e da ruptura da transmisión. “Sería interesante buscar un termo para esa xente para a que o galego é unha lingua cultural, unha lingua roubada á que volves”, reflexiona.
“Todo suma”
A quen chega a Galicia con curiosidade polo galego, mais sen atreverse aínda a falalo, Ali daríalle unha mensaxe directa. Primeiro, lembra con humor que os seus pais tampouco falan galego, polo que non ter unha ligazón familiar coa lingua non é unha escusa definitiva. Despois, insiste nunha idea sinxela: todo suma.
Para ela, aprender galego non é unha perda nin unha obriga estraña, senón unha oportunidade. Permite entender mellor o lugar no que vives, relacionarte doutra maneira coa xente e abrir unha porta máis ao mundo. A súa pregunta final é tamén unha declaración de principios: “Que prefires: ser ignorante ou saber dúas linguas en vez dunha? Eu téñoo claro”.