Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A UVigo impulsa TermUVigo, un portal multilingüe para unificar a súa terminoloxía académica

A Universidade de Vigo vén de impulsar TermUVigo, un portal terminolóxico multilingüe centrado na linguaxe académica e institucional da propia institución. A iniciativa, promovida a través da Vicerreitoría de Internacionalización, nace coa finalidade de organizar, sistematizar e poñer á disposición da comunidade universitaria un repertorio fiable de termos empregados no ámbito universitario.

O recurso está dispoñible en galego, español e inglés e procura favorecer unha comunicación máis clara, coherente e de calidade nos distintos espazos administrativos, académicos e institucionais da Universidade. Segundo explica a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, “TermUVigo representa unha aposta decidida por unha comunicación institucional máis precisa, accesible e internacional, contribuíndo á normalización terminolóxica, á redución de ambigüidades e ao reforzo da identidade institucional da UVigo tanto no ámbito estatal como internacional”.

O portal permite realizar buscas terminolóxicas nos tres idiomas a través de procuras simples e avanzadas. Entre as opcións dispoñibles inclúense filtros como a busca por termo exacto, por inicio ou final de palabra ou mediante un código específico. Ademais, a ferramenta incorpora un índice alfabético e outro temático, pensados para facilitar a navegación e a localización dos contidos.

TermUVigo está dirixido ao persoal docente e investigador, ao persoal técnico, de xestión e administración, ao estudantado e tamén a persoas externas interesadas na terminoloxía académica. A súa función abrangue tanto a consulta puntual de termos como o apoio á redacción de documentos, á tradución e á comunicación institucional.

O director da área de Plurilingüismo, Óscar Ferreiro Vázquez, subliña que a harmonización terminolóxica resulta relevante para proxectar unha imaxe coherente da Universidade nos diferentes contextos lingüísticos. Ademais, sinala que o portal “funciona como ferramenta de referencia para fixar e difundir a nomenclatura oficial da institución, harmonizando os distintos usos existentes nos seus servizos, centros e unidades”.

Cada entrada do portal ofrece información detallada e contextualizada, con equivalencias lingüísticas, definicións, notas de uso e exemplos. Deste xeito, a ferramenta configúrase como un recurso de apoio para quen precisa empregar terminoloxía académica e institucional con precisión, tanto no traballo administrativo diario como na produción de documentos académicos ou na comunicación exterior da Universidade.

O sistema incorpora tamén un formulario de contacto e espazos de participación para que as persoas usuarias poidan realizar consultas ou propoñer melloras. Con esta vía de interacción, a UVigo busca favorecer a actualización continua da base de datos terminolóxica e adaptar o recurso ás necesidades reais da comunidade universitaria.

Para Santiago Pozo Antonio, director da área de Promoción da Internacionalización, “a combinación de ferramentas de procura e organización temática facilita que o recurso sexa útil tanto para tarefas administrativas como académicas”. A estrutura do portal permite así combinar a consulta rápida de equivalencias coa procura máis detallada de información terminolóxica.

Na primeira quenda de incorporación de contidos participaron tamén os estudantes Inés Alonso Veloso e José Santamarta Vázquez, que colaboraron nas tarefas de revisión e apoio á compilación terminolóxica. Ambos salientan “o valor do proxecto como ferramenta práctica para mellorar a comunicación universitaria e o uso coherente da terminoloxía académica”.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.