Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

“Falo galego, fala-me português”: a campaña que convida a derrubar a fronteira lingüística entre Galicia e Portugal

A cercanía entre Galicia e Portugal fai que sexa habitual cruzar a un e outro lado da raia. O galego está convencido de que para falar cun portugués debe esforzarse por falar na súa lingua, ou incluso que lle será máis sinxelo se lle fala en castelán. Ao mesmo tempo, moitos portugueses que visitaban Galicia mudaban automaticamente ao castelán ao pensar que era a lingua habitual do país. Un hábito moi estendido que, segundo a Associaçom Galega da Língua (AGAL), invisibiliza unha realidade histórica: galego e portugués son linguas moi próximas, perfectamente intercomprensibles en boa parte das situacións cotiás.

Con este obxectivo nace a campaña “Falo galego, fala-me português”, presentada o 25 de xullo, coincidindo co Dia de Galicia. A iniciativa pretende que galegofalantes e persoas lusófonas se comuniquen en cadansúa lingua, sen empregar o castelán de lingua franca e visibilizando a intercomprensión entre ambas linguas.

Unha cuestión de autoestima lingüística

Segundo explica a AGAL, a proposta non pretende ensinar portugués nin modificar a maneira de falar dos galegos. O seu obxectivo é, sobre todo, combater un reflexo moi estendido: abandonar automaticamente o galego cando aparece un interlocutor portugués.

A asociación comparte que este comportamento responde máis a cuestións de percepción ca de capacidade real de comprensión. En moitas ocasións, basta con falar pausadamente e empregar un vocabulario máis internacional para manter unha conversa fluída sen renunciar á propia lingua.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de AGAL (@agalnh)


A campaña está a difundirse mediante materiais gráficos, vídeos e accións divulgativas tanto en Galicia como en Portugal. Esta aposta por facer visible unha realidade lingüística que, malia a súa proximidade histórica, segue a ser pouco coñecida fóra de Galicia.

A oportunidade da lusofonía

Máis alá da comunicación cotiá, a campaña tamén pretende reforzar a presenza do galego dentro do espazo lusófono. A asociación leva anos promovendo iniciativas nesta dirección e, desde 2024, participa como observadora consultiva na Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP).

A lingua portuguesa conta hoxe con máis de 260 millóns de falantes repartidos por Europa, América, África e Asia. Para a AGAL, o galego pode beneficiarse desa proximidade lingüística, facilitando intercambios culturais, académicos, económicos e profesionais con países como Portugal, Brasil, Angola ou Mozambique.

Foto: AGAL

Galego e portugués, malia a evolución política que separou territorios e linguas, conservaron unha enorme proximidade léxica, fonética e gramatical. Isto permite un elevado grao de comprensión mutua, especialmente entre falantes habituados ao contacto co idioma veciño. E precisamente por iso, a AGAL considera que non existe necesidade de abandonar o galego cando se conversa cunha persoa portuguesa, brasileira ou doutro territorio lusófono.

A proposta tamén interpela ás persoas portuguesas, convidándoas a facer o mesmo exercicio: escoitar o galego como unha lingua irmá e responder en portugués con naturalidade. A mensaxe da campaña é sinxela: se unha persoa galega viaxa a Portugal, pode falar galego; e se unha persoa portuguesa visita Galicia, pode expresarse en portugués con total naturalidade.

Unha ponte construída coa lingua

Nun momento no que Galicia e o norte de Portugal intensifican a cooperación económica, universitaria e cultural, iniciativas coma “Falo galego, fala-me português” buscan trasladar esa colaboración ao ámbito máis cotián: a conversa entre persoas.

A campaña da AGAL propón precisamente iso: converter a proximidade histórica entre galego e portugués nunha práctica habitual, facendo da diversidade lingüística unha ferramenta de comunicación e non unha barreira. Nun contexto no que a presenza social do galego continúa a ser un dos grandes desafíos do país, reivindicar o seu uso tamén fóra das fronteiras de Galicia constitúe unha maneira de ampliar os seus espazos de prestixio e de reforzar a súa dimensión internacional.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.