Un total de 13 editoriais galegas participarán na Feira Internacional do Libro de Frankfurt (Alemaña), que se celebra desde este mércores e ata o 23 de outubro, con España como país invitado. En concreto, a Consellería de Cultura pon a disposición dos profesionais galegos unha caseta no que exhibirán as últimas novidades para o público e realizaranse reunións profesionais con axentes procedentes de diversos países do mundo.
As editoras presentes este ano en Frankfurt son Almacén de Fábulas, Editorial Bululú, Catro Ventos, Demo Editorial, Dos Acordes, Doutor Alverio Editora, Edicións Fervenza, Lúdica, Medulia, OQO Editora, Small Station e Teófilo Edidiciones.
No espazo institucional, de 24 metros cadrados, promoveranse tamén as últimas novidades. Estarán dispoñibles 258 títulos de diferentes editoriais e do fondo editorial da Xunta, ao tempo que se mostrará información sobre o traballo dos profesionais galegos da tradución literaria, integrados na Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI).
Tamén estará dispoñible o catálogo dos autores con obra traducida ao inglés no portal ‘Pórtico of Galician Literature‘, así como información sobre os sistemas de apoio á ilustración e aos ilustradores que realiza a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).