Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

A lingua da universidade segue sendo o castelán

Unha das chaves para a normalización da lingua é o seu uso nos ambientes académicos, especialmente, na universidade. No caso da Universidade de Santiago de Compostela (USC), tan só un 24,35% da docencia é impartida en lingua galega, segundo apunta o documento elaborado polo Servizo de Normalización Lingüística titulado ‘Usos lingüísticos docentes no curso 2021-2022’.

O uso do galego é diferente segundo sexa unha titulación de grao ou de mestrado. Neste último caso, un terzo das clases son el galego. Pola contra, a docencia en galego nos graos descende a un 23,40%. A diferenza entre grao e mestrado non é a única distinción salientable xa que “o uso das linguas tamén é moi distinto segundo as titulacións”, apuntan dende Normalización Lingüística.

GRAOS

No caso específico dos graos, as titulacións que se comunican o 100% das horas en galego son dúas: o dobre grao de Mestre/a de Educación Infantil e Primaria do Campus de Santiago de Compostela e, por suposto, o grao en Lingua e Literatura Galega. Os graos de Xornalismo e de Comunicación Audiovisual son os seguintes na lista, ambas titulacións superan o 90% de horas en galego. 

Noutro charco da normalización lingüística atópase o Dobre Grao en Química e en Bioloxía cun 100% das horas en castelán. Con tamén menos dun 10% das horas en galego están varias das carreiras de ciencias da saúde: medicina (2,32% en galego), odontoloxía(3,76%), enfermaría en Santiago de Compostela (4,02%) e Farmacia(9,35%).

MESTRADOS

A falcultade de Ciencias da Comunicación volve situarse nos mellores postos en canto o uso da lingua galega, o seu mestrado en Xornalismo e Comunicación Multimedia: Novas Tendencias imparte case o 95% das súas horas en galego. Isto converte a Ciencias da Comunicación como o departamento máis galegófono da USC. 

Sen ter en conta os tres mestrados impartidos en inglés (Mestrado en Química na Fronteira coa Bioloxía e a Ciencia de Materiais, en Visión por Computador e en Química Teórica e Modelización Computacional), hai cinco mestrados dos que ofrece á universidade compostelá nos que o uso do galego é nulo. Estes son: Química Orgánica, Dirección de Proxectos no campus de Lugo, Dirección e Xestión Contable e Financeira, Dirección de Empresas no campus de Santiago e Desafíos das Cidades Atlánticas.

Dende o curso 2003-2004, ano académico no que se comezaron a recoller estes datos, a evolución reflicte un modelo bilingüe con predominio do castelán, apuntan dende Normalización Lingüística. Ademais, impártese menos dun 5% noutros idiomas.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.