Modo galego, actívao!, o proxecto de investigación e acción para a promoción do galego na infancia desenvolto colaborativamente entre o Concello de Ames, a Real Academia Galega e os once centros educativos públicos amesáns, foi unha das experiencias premiadas na sexta edición dos Premios Mil Primaveras que se entregaron hoxe no Pazo da Cultura de Pontevedra. Os galardóns recoñeceron outros tres programas que inciden na infancia e na mocidade, favorecen a socialización en galego e potencian a reflexión e a posta en marcha de medidas para asociar a lingua con valores positivos: a canle de vídeos animados Galego para peques, a empresa de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego Brazolinda e o programa do CEIP Sagrada Familia da Coruña Vitamina G.
Despois de recoller o premio, o alcalde de Ames, Blas García, destacou a importancia da promoción do idioma e a necesidade de abordar a defensa do galego de forma decidida. “Todas as administracións debemos traballar remando na mesma dirección, o galego é patrimonio de todos e todas, é un nexo de unión. Dende Ames temos claro o camiño a seguir e pola nosa parte seguiremos potenciando este tipo de iniciativas. É un privilexio traballar cóbado con cóbado coa RAG polo noso idioma e esperemos que esta colaboración dure moitos ano máis e poida ser replicada noutros concellos galegos. E esperamos tamén que outras administracións tome nota e nos apoien neste propósito”.
Por parte da Real Academia Galega acudiu o seu presidente, Henrique Monteagudo, que expresou a importancia de implicar a unha corporación municipal nun proxecto como o “Modo galego, actívao” pois “a defensa da lingua é labor de todas as institucións e os concellos teñen un papel fundamental pola proximidade á cidadanía”. O presidente precisou que a elección de Ames para este proxecto veu derivada do traballo que viña facendo de defensa da lingua e pola composición sociolingüística do propio concello. Monteagudo destacou tamén a implicación das directivas dos centros sen as cales levar a cabo o proxecto sería moi difícil. “Levamos dende o ano 2021 e temos a vontade de seguir da man do Concello de Ames para seguir prolongando e ampliando este proxecto, que pode ser exportado a outros municipios”.
Modo galego, actívao!
Modo galego, actívao! é un proxecto de investigación e dinamización lingüística que se vén desenvolvendo colaborativamente, dende o ano 2021, polo Concello de Ames, a Real Academia Galega e os once centros educativos amesáns de infantil, primaria e secundaria (EEI O Milladoiro, CEP de Ventín, CEIP A Maía, CEIP de Barouta, CEIP Agro do Muíño, EEI de Covas, EEI de Ortoño, EIM A Madalena, EIM O Bosque, IES do Milladoiro e IES de Ames) xunto co monitorado dos servizos complementarios de educación. Ao seu abeiro, deseñáronse, implementáronse e avaliáronse iniciativas orientadas á educación formal e non formal, co obxectivo de activar a lingua galega entre o alumnado e converter os centros de ensino en espazos seguros para o seu uso. No programa participaron arredor de 3.000 alumnos e alumnas e as súas familias, 200 profesores e profesoras e 150 monitores e monitoras. Contou, ademais, coa colaboración das ANPAS municipais.
Na sección Proxectos premiados da web dos Premios Mil Primaveras están dispoñibles os 32 proxectos escollidos polos xurados das seis edicións destes premios, cunha explicación detallada da súa planificación, xestión, desenvolvemento e avaliación, ademais das súas necesidades técnicas e persoais e outros detalles como fotos, arquivos de vídeo e son e ligazóns a Internet. Coa dispoñibilidade e difusión dos proxectos, a CTNL pretende que poidan servir de modelo a iniciativas futuras de SNL, ENDLG, asociacións e outras entidades que promovan o uso e o prestixio da nosa lingua.