O modelo de intelixencia artificial DeepSeek, desenvolvido en China, está a chamar a atención polo seu manexo fluído do galego. Este chatbot de código aberto e acceso gratuíto non só permite conversas na lingua propia de Galicia sen apenas erros, senón que tamén ofrece reflexións sobre a súa situación e desafíos futuros.
Probado pola redacción de GCiencia, DeepSeek xustificou a súa elección de empregar galego porque é “unha lingua rica e bonita” e afirmou que busca axudar ás persoas independentemente do idioma que prefiran. Tamén recoñeceu a importancia do galego como parte da identidade cultural de Galicia.
Ao ser preguntado pola situación da lingua, o chatbot describiu un panorama complexo, recoñecendo tanto os esforzos institucionais e sociais para a súa promoción como os retos que afronta, especialmente a perda de falantes entre as xeracións máis novas e en contornos urbanos. Entre os factores que contribúen a esta tendencia, destacou a globalización e a influencia crecente do castelán e do inglés.
DeepSeek tamén foi consultado sobre posibles medidas para reverter a perda de falantes, propoñendo sete accións clave, entre as que salientou a promoción no ámbito educativo, fomentando o uso do galego como lingua vehicular en máis centros, especialmente en zonas urbanas; unha maior presenza nos medios de comunicación e redes sociais, para visibilizar o idioma; campañas de sensibilización para fortalecer o orgullo lingüístico e o seu uso na vida cotiá; incentivos e políticas públicas que reforcen o uso do galego en distintos sectores, e maior implicación das familias na transmisión interxeracional da lingua.
No ámbito da ciencia en galego, o chatbot valorou positivamente as iniciativas existentes, pero advertiu sobre a falta de continuidade de moitos proxectos debido á súa dependencia de financiamento puntual. Tamén apuntou que a presenza da divulgación científica nos medios segue sendo limitada e frecuentemente relegada a espazos concretos. Ademais, sinalou unha posible desconexión entre a ciencia e a sociedade debido á dificultade para acceder a contidos de calidade.
Máis información en GCiencia