Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

A fraseoloxía marítima, unha das protagonistas do novo número de Cadernos da lingua

Ferver o mar, recoller o trapo ou andar ao corso son algúns exemplos das expresións que se atopan recollidas en Costa do solpor. O regreso da Illa do Tesouro obra do académico vimiancés Xosé María Lema, que nun total de 425 páxinas, recolle 950 fraseoloxismos  e unha ducia de refráns. A novela, publicada no 2017, é obxecto de estudio no último número da revista da Real Academia Galega, Cadernos da lingua nº 39, onde se analiza a riqueza fraseolóxica recollida na obra. Xosé María Rei é o responsable do artigo que abre a publicación.

“Dentro do amplo corpus fraseolóxico que ofrece a obra, o que máis destaca é o relacionado co mar. é lóxico, xa que estamos diante dunha novela de aventuras que transcorre ben no mar, ben en terreos costeiros, polo que o léxico e a fraseoloxía mariñeira teñen unha gran presenza”, expón Rei no seu artigo.

Así, o análise da novela permítelle ao académico a análise dos fraseoloxismos, os cales ordena de maneira alfabética. “Pódese dicir que a fraseoloxía é a alma da lingua, a expresión máis fonda da maneira de ver o mundo, do xeito de pensar e das vivencias históricas dun pobo”, engade o autor do artigo publicado en Cadernos da lingua.

Nesta edición tamén está presente, pola súa banda o galego da cativada, co artigo de Tamara Rial Montes Ola señor, dásme o libro? Adquisición de estratexias de cortesía en galego. Nel analízanse as formas utilizadas por rapaces e rapazas de entre 4 e 12 anos, chegando á conclusión de que “o modelo establecido en estudos anteriores para as persoas galegofalantes tradicionais parece non corresponder co que se observa nas xeracións máis novas”.

Pecha a revista o artigo Ideoloxía e identidade no discurso musical: o caso do hip-hop e o trap galegos a través de Rebeliom do Inframundo e Boyanka Kostova, de Mº Belén Senín Santiago. Nel, a autora expón que cada un dos xéneros representa dúas posturas opostas en canto á identidade e ideoloxía, o que ela considera “dúas reaccións diferentes ao mundo da modernidade líquida”.

Cadernos da lingua nº39, no que se poden ler todos os artigos, xa está dispoñible na sección de publicacións da web da Real Academia Galega.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.