A Deputación de Pontevedra aprobou a concesión de 200.000 euros en axudas destinadas aos Servizos de Normalización Lingüística (SNL) das entidades locais da provincia. Así o anunciou o presidente provincial, Luis López, quen explicou que esta liña de financiamento busca reforzar o papel do galego como lingua de traballo e de comunicación no ámbito municipal.
Segundo detallou o mandatario, un total de nove concellos serán beneficiarios destas achegas, distribuídas en dúas liñas de actuación diferenciadas. Na primeira delas, orientada ao mantemento de servizos xa existentes, os municipios da Cañiza, A Estrada, Moaña, Ponteareas, Redondela, Salceda de Caselas, Valga e Vilagarcía de Arousa percibirán unha contía de 20.625 euros cada un, dentro dun máximo establecido de 25.000 euros.
Pola súa banda, o concello de Mos recibirá unha axuda de 35.000 euros, correspondente á segunda liña da convocatoria, centrada na creación de novos Servizos de Normalización Lingüística, considerada prioritaria no reparto dos fondos.
O presidente da Deputación sinalou que estas subvencións permitirán cubrir gastos de persoal, cun financiamento que poderá acadar ata o 100% no caso de novos servizos e ata o 80% nos xa existentes, sempre dentro dos límites establecidos.
Durante a presentación, Luis López subliñou a relevancia destas políticas públicas ao afirmar que “a nosa lingua é algo que me preocupa especialmente como galego, como galegofalante e como delegado das competencias en Lingua desta administración”. Neste sentido, destacou que o obxectivo é consolidar o uso do galego como lingua principal na administración local e no conxunto dos sectores sociais.
A Deputación enmarca esta iniciativa na súa estratexia para incrementar o uso e o prestixio do galego, facendo especial fincapé nas novas xeracións. Tal e como apuntou o presidente, “seguimos traballando para impulsar o galego en todas as esferas, especialmente entre as novas xeracións para que este patrimonio de valor incalculable non se perda”.