O departamento de Cultura da Deputación da Coruña abriu este luns, 16 de decembro, o prazo de solicitudes durante un mes para a percepción de axudas establecidas en catro liñas e cun orzamento total de 2,15 millóns de euros. A cuantía será repartida entre entidades titulares de museos, centros de interpretación e bibliotecas, empresas do audiovisual e entidades sen ánimo de lucro.
Reparto do total por liñas
- 550.000 euros. Cun mínimo de 5.000 e un máximo de 30.000, a cuantía será repartida entre “fundacións, entidades titulares de museos, centros de interpretación ou bibliotecas e entidades con función de representación sectorial e colectiva das persoas ou entidades dos ámbitos profesionais e amadores da cultura galega” que durante o vindeiro ano desenvolvan e realicen actividades culturais.
- 150.000 euros. Empresas de produción e distribución audiovisual poderán aspirar a investimentos de ata 30.000 euros para a “comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega na provincia da Coruña durante 2025”.
- 950.000 euros. Cada proposta de entidades sen ánimo de lucro poderá optar a axudas de ata 30.000 euros para a realización de actividades culturais no territorio provincial.
- 500.000 euros. Dirixidos á realización de investimentos culturais en cuantías máximas de 15.000 euros.