A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, organizan o concurso “Mocidade ao mando: explorando a Economía e a Empresa”, que ten como principal obxectivo fomentar a creación de contidos audiovisuais en galego, de carácter divulgativo, sobre economía ou empresa. Poderá participar no certame o alumnado da ESO, de formación profesional e de bacharelato dos centros de Galicia. A duración dos vídeos non será en ningún caso inferior a 30 segundos nin superior a 90. O xurado outorgará tres premios, valorados en 150, 100 e 50 euros respectivamente.
Para consultar as bases completas do certame, preme aquí.
Poderá participar neste concurso alumnado da ESO, de formación profesional e de bacharelato dos centros de Galicia, en grupos cun máximo de tres estudantes, coordinados por un/unha docente.
Cada grupo participante preparará un vídeo no que se presenten petiscos ou pílulas sobre calquera tema relacionado coa economía ou a empresa. O enfoque no tratamento do tema é libre. A lingua empregada será o galego, tanto oralmente (locucións, diálogos…) como por escrito (elementos gráficos, subtítulos, etc.).
A duración dos vídeos non será en ningún caso inferior a 30 segundos nin superior a 90.
Os traballos presentados deben ser inéditos e orixinais.
Na valoración dos vídeos terase en conta a calidade técnica (imaxe e son), a corrección lingüística, a orixinalidade do vídeo, e a corrección nos conceptos científicos.
Os vídeos confeccionados deberán subirse a unha canle de YouTube. A publicación das pezas farase baixo licenza Creative Commons Recoñecemento-Non Comercial-SenObraDerivada (CC BY-NC-ND, https://creativecommos.org/licenses/by-nc-nd/4.0/deed.gl). As e os participantes serán os únicos e exclusivos responsables dos contidos dos vídeos en canto a esixencias legais de dereitos de imaxe ou plaxio segundo as leis vixentes.
Para presentarse ao concurso cómpre que as e os autores (ou representante/s) acheguen nun correo electrónico a ficha de inscrición (Anexo I), dirixido ao enderezo ecoade.decanato@usc.gal e co asunto “Mocidade ao mando: explorando a Economía e a Empresa”. O prazo para a presentación dos traballos remata o 31 de outubro de 2024.
Os premios do concurso repartiranse do seguinte xeito:
- Primeiro premio: agasallo por valor de 150 euros
- Segundo premio: agasallo por valor de 100 euros
- Terceiro premio: agasallo por valor de 50 euros