A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua a adxudicación de catro bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas do centros de estudos galegos localizados na Universidade Complutense de Madrid, na Universidade da Sorbonne Nouvelle de París (Francia), na Universidade Sapienza de Roma (Italia) e na Federal da Bahía (O Brasil).
O importe íntegro mensual destas bolsas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é de 1.225 €, para aqueles lectorados que estean localizados en universidades españolas. No entanto, o importe ascende a 1.378 € para aquelas persoas que vaian realizar esta formación en institución académicas do estranxeiro.
Proxección exterior do galego
Estas bolsas de lectorado forman parte das iniciativas da Xunta de Galicia para a proxección exterior do galego, xa que neste eido forma parte dos seus obxectivos o de consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades nas que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico.
Precisamente, a través de convenios de colaboración subscritos pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con universidades de fóra de Galicia téñense creado centros de estudos galegos nestas institucións académicas. Deste xeito, dentro dos programas de formación relacionados coa lingua, a literatura e a cultura galegas ofréceselles ás persoas que contan cos requisitos establecidos na convocatoria a posibilidade de se incorporar a estes centros co fin de completar a súa formación e de se situar nunha mellor posición de cara a unha futura inserción no mundo laboral.
Este programa de formación complétase con actividades teórico-prácticas deseñadas desde a Secretaría Xeral da Lingua en exclusiva para o colectivo de lectores de lingua, literatura e cultura galegas. Ademais, facilítaselles a posibilidade de realizar, ou de completar, estudos de posgrao nas universidades de destino.
Requisitos
Puideron presentarse a estas bolsas aquelas persoas que estivesen en posesión das licenciaturas en Filoloxía Galega ou Filoloxía Románica, tamén aquelas con graos en Lingua e Literatura Galegas, Estudos de Galego e Español, en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, en Filoloxía Aplicada Galega e Española e tamén en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios.
Ademais, as bolsas tamén estaban accesibles para aquelas persoas coas titulacións da Área de Humanidades ou da Área de Ciencias Sociais e Xurídicas, sempre que, como mínimo, contasen con 18 créditos de lingua galega e estivese en posesión do Celga 4. No caso de universidades de fóra de España, os requisitos foron de 21 créditos en materias da lingua oficial do país do lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.
Pola contra, quedaron excluídas destas bolsas de formación aquelas persoas que tivesen sido xa lectoras de lingua, literatura e cultura galegas, a non ser que antes de rematar o período máximo de estadía, se viran obrigadas a cesar na súa condición por causas alleas á súa vontade, sempre que esta circunstancia non tivese derivado nun procedemento de tipo disciplinario.