A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) aprobou o nomeamento da escritora palestina Shahd Wadi coma Escritora Galega Universal en 2025. O consello directivo da organización aprobou a decisión este xoves.
A AELG sinalou nun comunicado que o recoñecemento se fai dende “o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da alta calidade da súa obra”. Ao mesmo tempo salientaron a súa defensa da “dignidade nacional de Palestina e os dereitos individuais e colectivos da súa poboación”, especialmente dende unha perspectiva feminista.
A poeta, que actualmente reside en Lisboa, ten un doctorado en Estudos Feministas pola Universidade de Coímbra, en Portugal. A súa tese Corpos na trouxa: histórias-artísticas-de-vida de mulheres palestinianas no exílio foi convertida en libro en 2017, cuxa investigación aborda as narrativas artísticas no contexto da ocupación israelita de Palestina e considera as artes unha testemuña de vidas, tamén da súa.
Únese a outros grandes escritores
Nas anteriores edicións de Escritora Galega Universal, recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelmán, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia, Isabel-Clara Simó, María Teresa Horta, Mariasun Landa, José Luandino Vieira, Ana Luísa Amaral, Lydia Cacho e Joseba Sarrionandia.