Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Polémica pola retirada da ABAU do periodo de represión ao galego durante a dictadura

O grupo de traballo que prepara os exames de Lingua Galega e Literatura da ABAU emitiu en días pasados unha instrución que establece que as preguntas sobre a historia do idioma galego centraranse en todo o posterior a 1981, cando se fixo idioma oficial co Estatuto de Autonomía de Galicia. Desta maneira, non se abordarán temas anteriores a ese ano, por exemplo a represión que sufriu durante o Franquismo.

“As preguntas sobre a historia da lingua centraranse no galego despois da súa oficialización en 1981”. Así o recolle a instrución avanzada por ‘elDiario.es’ e que aparece colgada na web da Comisión interuniversitaria de Galicia (CiUG), órgano que organiza as probas da antes chamada selectividade.

Alfonso Rueda “A Xunta non ten ningunha competencia nin intervención nos contidos”.

 

Neste escrito, asinado polo novo director do grupo de traballo de Lingua Galega e Literatura, Xosé María Gómez Clemente, explícase que o modelo de exame non recibe ningunha variación, pero si no que respecta aos contidos dada a aprobación dos novos currículos de Bacharelato aprobados pola Xunta en 2022 para adaptalos á nova lei educativa estatal (Lomloe).

Entre os principais cambios, que non afectan á literatura (no seu caso, si se inclúen contidos dos séculos XX e XXI, sen matices), figura esta eliminación da situación do galego anterior a 1981 do temario da ABAU. Isto non afecta os temas que se imparten en 2º de Bacharelato, cuxo currículo non menciona a retirada deste contido.

Ademais, a nova instrución publícase unha vez iniciado o curso, xa que está datado a 11 de outubro. Por iso, o director do grupo de traballo arrinca o texto cunhas desculpas e xustifica a demora co atraso na composición do propio grupo (empezando pola dirección) e “posibles novidades” por parte do Ministerio de Educación que podían afectar ao modelo de exame, que finalmente queda intacto.

Sobre este tema foi preguntado este mércores en rolda de prensa o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen lembrou que é a CiUG a responsable da organización da selectividade en Galicia. “A Xunta non ten ningunha competencia nin intervención nos contidos. Hai unhas comisións que se encargan”, lembrou, na súa comparecencia tras a reunión semanal do seu goberno.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.