Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Así era Xela Arias vista desde os ollos do seu fillo, Darío Gil

Darío Gil, fillo de Xela Arias, abrirá este xoves día 11 o simposio que a Real Academia Galega lle dedica no mes de novembro á protagonista do Día das Letras Galegas 2021. Será nunha tarde centrada na vida e no compromiso social e cultural da homenaxeada que contará tamén coas achegas da profesora da Universidade de Vigo Ana Iglesias e a escritora Marga do Val, amigas persoais da autora, e Yolanda Castaño como moderadora. A xornada rematará cunhas palabras do académico Darío Xohán Cabana dedicadas a Xela Arias e un recital poético ao que se sumarán Emma Pedreira e Dores Tembrás xunto a Darío Gil Arias, Yolanda Castaño e Marga do Val.

O Simposio Xela Arias, desenvolverase os xoves 11, 18 e 25 de novembro na sede da institución (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) a partir das 18:00 horas. A entrada é libre e todas as sesións poderán seguirse tamén a través de academia.gal e da canle de Youtube da Real Academia Galega. As tres xornadas concibíronse como un punto de encontro para profundar na análise da escrita, a tradución e o labor de edición da autora e tamén para gozar da súa creación a través da palabra recitada, a música, cunha actuación a cargo da Banda da Loba, e o audiovisual, coa presentación da serie web documental Xela Arias, a palabra esgazada.

A primeira xornada será inaugurada este xoves ás 18:00 horas polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a académica Marilar Aleixandre, coordinadora do simposio; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a nai e o fillo de Xela Arias, Amparo Castaño e Darío Gil. Deseguido Darío Gil Arias achegará o perfil máis íntimo da autora. O seu fillo ofrecerá “unha ollada dende o cotián” dunha muller “loitadora” sempre comprometida contra as causas inxustas. Marga do Val pronunciará un relatorio titulado “As poetas non deben retratarse”, no que se centrará nos diálogos con Xela Arias e coa súa escrita, unha obra na que, salienta, a escritora si se retratou. A quenda de relatorios rematará co de Ana Iglesias, titulado “A temeridade sálvanos de senti-la covardía”, unha visión persoal dende a amizade centrada nas decisións que a autora foi tomando ao longo da súa vida “de forma máis temeraria ca precavida”.

Vindeiras xornadas

A xornada do xoves 18 de novembro terá como eixe a voz poética de Xela Arias. A escritora e tradutora Mercedes Leobalde conducirá nesta ocasión unha mesa que contará coas achegas de María Xesús Nogueira, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e autora da antoloxía poética Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004); a poeta e académica Chus Pato, que falará sobre “a temporalidade e outros animais na escritora de Xela Arias”; e Alba Cid, un dos principais expoñentes da nova poesía galega, que abordará, entre outras cuestións, o contraste xeracional entre a poesía da homenaxeada e das novas voces.

A tradución, a edición e o diálogo con outras artes guiarán o 25 de novembro a última xornada. Manuel Bragado, exdirector de Xerais, o selo onde Xela Arias traballou como editora, trazará un retrato dela como pioneira da edición e da tradución galega nos anos 80 do século pasado; Ana Luna ofrecerá unha nova ollada á actividade da homenaxeada vertendo ao galego, en solitario ou de forma cooperativa, obras universais como Dublineses de James Joyce, As bruxas de Roald Dahl ou O Quixote de Cervantes; e a xornalista Belén López Rodríguez achegarase ao seu interese por conectar a poesía con outras artes, ben visible dende a primeira edición de Denuncia do equilibrio (1986), ilustrada polo seu amigo Xosé Guillermo; ou Tigres coma cabalos, onde os versos dialogan coas imaxes do fotógrafo Xulio Gil.

O encontro concluirá coa presentación da serie documental Xela Arias. A palabra esgazada producida pola Real Academia Galega, a cargo da súa guionista, María Yáñez, e a proxección dunha peza audiovisual de síntese. Todos os capítulos poden verse na canle de Youtube da Real Academia Galega e a través de academia.gal.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.