Os ‘Premios Youtubeiras’, organizados polos servizos de normalización lingüística de 12 concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, xa teñen finalistas para os seus oito premios.
En total, 22 serán as propostas que disputarán os galardóns desta sexta edición, que dará a coñecer a súa palmarés o vindeiro sábado, 28 de xaneiro. Ese día, o Pazo da Cultura de Carballo acollerá a gala de entrega. A actriz e narradora oral Cristina Collazo será a presentadora e Laura Lamontagne & PicoAmperio encargaranse de porlle música ao evento.
A organización de ‘Youtubeiras‘ destaca a concorrencia alcanzada neste 2022, xa que se presentaron a concurso 74 canles. Un total de 45 delas non se inscribiron con anterioridade aos premios e gran parte son de recente creación. A cifra deste ano duplica a que se logrou en 2021, edición na que se postularon 38.
A elas súmanse as 39 canles que foron propostos por usuarios e usuarias das redes sociais para o ‘Premio do Público’.
O xurado desta sexta edición está conformado por Mario Brión (Olaxonmario), gañador do ‘Premio Youtubeira/ou’ do ano na edición anterior; Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de ‘Youtubeiras’ no primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no ámbito das novas tecnoloxías; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina Galega en Galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o seu cambio de lingua a través de Twitter no ano 2018.
Entre outros, como finalistas do ‘Premio Youtubeira/ou’ do ano a Anxo Sánchez, neeumatiko e A Bisonte. Na categoría de Canle, os finalistas son Toxío, Tonio Cociña Galega e Fica coa bóla.
O premio de ‘Youtubeira/ou Revelación’ disputarase entre Marcos Borrageros, Histérikas Histórikas e Falemos do Reino de Galicia, mentres que o premio ao mellor Vídeo decidirase entre A Moura, de Contos de Santalla, Bury your gais (Enterra os teus homosexuais)-Investigación documental, de Henfunk Studio, e Eduardita, de Piratas sen parche.