A canción galega no exilio mexicano de 1939 poralle o ramo este xoves, 10 de novembro, ao simposio que a Real Academia Galega lle dedica ao protagonista do Día das Letras Galegas 2022, Florencio Delgado Gurriarán. Samuel Diz, na guitarra clásica, e a soprano Belén Vaquero interpretarán pezas para poemas de Amado Carballo, Álvaro Cunqueiro, Augusto Casas e Xosé María Álvarez Blázquez asinadas polo lugués Xesús Bal y Gay e María Teresa Prieto e Rodolfo Halffter, tamén exiliados en México, e mais unha canción de cego harmonizada por Gustavo Durán. A actuación comezará ás 19:00 horas no salón de actos da RAG (rúa Tabernas, 11 – A Coruña).
Previamente Samuel Diz falará sobre o músico ferrolán Xesús Dopico, primeiro presidente do Padroado da Cultura Galega en México, e Florencio Delgado Gurriarán. Os dous chegaron a México a bordo do Ipanema.
Samuel Diz intervirá na mesa redonda moderada polo director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares, na que tamén participarán a historiadora Pilar Cagiao e o profesor de Filosofía Xosé Luís Pastoriza con distintas achegas sobre a etapa da exilio en México do autor valdeorrés ao que este ano a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas.