O Centro de Estudos Galegos (CEG) da Universidade de Perugia, en Italia, celebra este 2026 o seu décimo aniversario cun programa de actividades que se desenvolverá os días 29 e 30 de outubro. A iniciativa reunirá representantes institucionais, investigadores e artistas para facer balance dunha década dedicada á difusión da lingua, a literatura e a cultura galegas no país transalpino.

Creado en 2016 mediante un convenio entre a Xunta de Galicia e a Università degli Studi di Perugia, o centro desenvolveu durante estes anos un labor de investigación e docencia acompañado dunha programación cultural aberta ao público. Entre as súas actividades figuran publicacións científicas, proxeccións cinematográficas, concertos, exposicións, representacións teatrais, presentacións literarias e conferencias.
A celebración comezará o xoves 29 de outubro, ás 16.00 horas, na Sala delle Adunanze do Departamento de Letras, cun acto institucional no que participarán o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o director do Instituto Cervantes de Roma, Ignacio Peyró; e o director do Departamento de Letras, Gianluca Grassigli.
Posteriormente, Marco Paone e Carlo Pulsoni repasarán a traxectoria do centro no encontro ‘Memoria e percorrido’. A programación continuará cunha conversa arredor da novela Lourenço, giullare, do escritor Manuel Portas, coa participación da tradutora Gloria Castelli. Ás 21.00 horas, a Abbazia di San Pietro acollerá o concerto Mulleres Piratas, de Catuxa Salom, coa participación de Clara Borghesi. A proposta combinará folclore galego, música electrónica, poesía e teatro. A entrada será gratuíta ata completar o aforo.
O venres 30 de outubro, a programación centrarase na investigación académica. Ás 10.30 horas celebrarase a mesa redonda ‘Os estudos galegos en Italia’, moderada por Carlo Pulsoni e coa participación de Attilio Castellucci, Rachele Fassanelli, Simone Marcenaro e Marco Paone.