Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

As pemes, ante o reto de galeguizarse: “Se se deixan levar pola marea, a marea lévaas ao castelán”

Unha empresa pode ter propietarios galegofalantes, empregados que utilizan habitualmente o galego entre eles e mesmo desenvolver a súa actividade nun sector no que o idioma está presente de maneira espontánea. Porén, ao cruzar a porta da oficina, atender unha chamada ou elaborar unha factura, o castelán pode converterse automaticamente na lingua de traballo.

Situacións coma esta estiveron na orixe dunha investigación que intenta coñecer que lugar ocupa realmente o galego nas pequenas e medianas empresas das cidades e, sobre todo, que se pode facer para incrementalo.

A Asociación Pro-Fundación Manoel Vello e Cesuga colaboraron no estudo ‘Situación sociolingüística do galego nas pemes urbanas de Galicia’, realizado entre marzo e abril de 2026 sobre unha mostra de 250 empresas con atención directa ao público da Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Ourense e Lugo. A investigación combinou enquisas ao tecido comercial cunha análise cualitativa dos resultados e un grupo focal de especialistas.

As conclusións apuntan a unha situación de diglosia no ámbito comercial, cun galego nunha posición subordinada fronte ao castelán, pero tamén revelan unha realidade sobre a que a Asociación Pro-Fundación Manoel Vello quere traballar: boa parte das empresas non conta cunha política lingüística que determine que idioma utilizar, polo que as decisións quedan nas mans de cada persoa e das inercias adquiridas.

A presidenta da entidade, Carolina Silva, explica que o obxectivo non é que a investigación remate coa publicación dos resultados. O seguinte paso será crear unha ferramenta práctica que permita ás pequenas e medianas empresas saber como introducir o galego sen ter coñecementos especializados en política ou normalización lingüística.

A orixe do proxecto remóntase a 2024, cando a Asociación Pro-Fundación Manoel Vello organizou unha xornada dedicada ao uso do galego nas empresas e tamén no ámbito radiofónico. No encontro participaron compañías que xa estaban interesadas en incorporar o idioma á súa actividade e compartiron as dificultades coas que se atoparan.

Foi daquela cando a entidade detectou que os procesos de galeguización podían depender demasiado das persoas concretas que os impulsasen.

Segundo relata Silva, algunhas empresas contaban con persoas con maiores coñecementos lingüísticos ou sociolóxicos que podían orientar o proceso, mentres que outras recoñecían directamente que precisaban axuda externa para saber como actuar.

Un dos exemplos que lembra é o dunha construtora. Na obra, os traballadores podían empregar o galego con normalidade, pero a situación cambiaba cando a actividade chegaba ás oficinas: a documentación estaba en castelán, a atención telefónica realizábase en castelán e a propia dinámica administrativa acababa levando tamén a esa lingua as relacións entre os empregados.

“Estas empresas non son expertas en política lingüística, entón séntense moi perdidas”, resume Silva.

Aquela xornada deixou sobre a mesa a necesidade dunha referencia externa que ofrecese seguridade ás empresas. Segundo a presidenta da asociación, algunhas das participantes reclamaban unha autoridade ou unha institución que puidese explicarlles tanto por que incorporar o galego podía resultar beneficioso como de que maneira facelo.

A entidade decidiu entón investigar se esa predisposición existía máis alá das empresas que xa participaban nas súas actividades. Elaborou unha enquisa, estudou experiencias doutros territorios —entre elas iniciativas desenvolvidas en Cataluña— e finalmente propuxo a Cesuga realizar unha primeira investigación.

A relación coa institución académica viña ademais de atrás. Silva lembra a vinculación de Manoel Vello co mundo empresarial e coa propia escola de negocios, así como o seu interese por conseguir que o galego tivese presenza tamén neste ámbito.

O resultado foi un estudo no que participaron 250 comerciantes, 50 por cada unha das cinco cidades incluídas na mostra.

Entre o 14 % da Coruña e arredor dun terzo en Lugo

Os datos mostran importantes diferenzas territoriais. Segundo a síntese presentada polos responsables da investigación, o uso habitual do galego na atención á clientela sitúase no 14 % na Coruña e arredor do 19 % en Vigo, mentres aumenta ao 26 % en Santiago, ao 30 % en Ourense e a aproximadamente un terzo en Lugo.

O traballo interpreta estas diferenzas dentro dunha situación de diglosia na que o castelán continúa asociado ao prestixio, á modernidade e ao éxito económico, mentres o galego ocupa unha posición secundaria no comercio urbano.

Porén, hai outro resultado que introduce un elemento importante: o menor emprego do galego non parece explicarse por un rexeitamento xeneralizado da clientela.

O rexeitamento declarado ao ser atendido en galego foi do 0 % en Ourense, do 8,3 % en Vigo e do 10 % na Coruña, Lugo e Santiago. O estudo interpreta, polo tanto, que a converxencia cara ao castelán responde en boa medida a prexuízos e dinámicas interiorizadas e non necesariamente a unha demanda explícita do mercado.

Silva observa este fenómeno tamén a través da súa experiencia como consumidora e do contacto con empresas. Pon de novo o foco na documentación: se os modelos, formularios e materiais que recibe unha compañía están en castelán, incorporalos ao funcionamento habitual en galego require un traballo adicional.

“Non podemos perder o tempo en traducir os documentos ao galego”, reproduce como unha das dificultades trasladadas polas empresas.

Para a asociación, facilitar documentación e recursos xa preparados podería converterse nunha das vías de actuación. A situación dunha pequena empresa, sinala Silva, é diferente á dunha gran institución que pode dispoñer de persoal ou servizos específicos de normalización.

A falta de recursos técnicos tamén aparece no propio estudo. Unha das empresas de Vigo advertiu, por exemplo, da existencia de aplicacións e programas utilizados para redactar documentación técnica que non ofrecen opción en galego. A investigación considera que esta barreira tecnolóxica contribúe a que o castelán se consolide como lingua de traballo.

O 94 % das pemes, sen unha normativa lingüística

Unha das cifras que mellor retrata a situación está relacionada precisamente coa inexistencia de criterios empresariais.

Na Coruña e Lugo, o 98 % das empresas estudadas carece dunha normativa lingüística interna; en Vigo, a porcentaxe é do 96 %; en Santiago, do 90 %, e en Ourense, do 88 %. A media sitúase así arredor do 94 %.

A consecuencia é que, na maioría dos casos, non existe unha decisión empresarial sobre a lingua que debe empregarse na primeira atención, nas comunicacións ou na documentación. O idioma queda condicionado polos hábitos individuais, polo interlocutor ou polo contexto.

Silva emprega unha metáfora para explicar esta dinámica: “Déixanse levar pola marea, e a marea leva á globalización; o gran colonizador é o castelán”.

A presidenta da Asociación Pro-Fundación Manoel Vello insiste en que non necesariamente existe unha decisión consciente de excluír o galego. Precisamente por iso considera necesario ofrecer criterios ás empresas que queren mudar os seus usos pero non saben como facelo.

O estudo tamén reflicte esta ausencia de planificación na contratación. Só o 3,9 % das empresas consultadas en Lugo, o 4 % na Coruña, o 10 % en Vigo e o 22 % en Ourense e Santiago consideran imprescindible que unha persoa candidata a un posto domine o galego.

Para Silva, existe unha relación entre ambas as cuestións. Se a empresa non emprega o galego na súa actividade, tampouco percibe a necesidade de demandalo como competencia profesional.

“Por que llo vou esixir se despois non lle vou pedir apenas que fale galego?”, formula.

A situación podería cambiar, sostén, se as compañías contasen cunha política lingüística definida. Nese caso, a competencia comunicativa en galego adquiriría unha función concreta dentro do posto de traballo, especialmente na atención ao público.

Un protocolo para saber cando e como utilizar o galego

Ese é precisamente o seguinte obxectivo da asociación.

Isto non se vai quedar aquí como unha enquisa“, asegura Silva. A intención é convocar encontros de traballo con empresarios, axentes relacionados coa normalización lingüística e consumidores para recoller propostas e elaborar unha especie de protocolo ou folla de ruta que poida ser empregada polas pemes.

A idea non pasa simplemente por dicirlle a unha empresa que utilice máis o galego, senón por responder ás preguntas prácticas que aparecen cando decide facelo: en que lingua debe atender inicialmente unha chamada?, que facer cando o cliente responde en castelán?, como actuar cunha persoa que non entende galego?, que lingua utilizar na web, na publicidade ou nos documentos internos?

A investigación xa formula algunhas posibilidades. Unha delas consiste en establecer como criterio que o primeiro saúdo á clientela sexa en galego, deixando aberta posteriormente a acomodación a outra lingua cando exista unha dificultade de comprensión.

Outra proposta céntrase nos materiais comerciais. En lugar de producir folletos completamente separados en galego e castelán, o estudo recomenda integrar ambas as linguas nun mesmo soporte e incorporar tamén o inglés cando as necesidades turísticas así o requiran. A terceira gran liña é favorecer a presenza do idioma nas ferramentas tecnolóxicas e no software empresarial.

Para Silva, o protocolo debe ofrecer sobre todo seguridade.

A cuestión, explica, non consiste en utilizar exclusivamente o galego independentemente das circunstancias. Trátase de saber “cando se emprega unha lingua, cando outra, pero sen empregar unicamente o castelán”.

O obxectivo é evitar tamén que un cliente que non fale galego interprete que non pode ser atendido. A asociación pretende que a futura ferramenta permita compatibilizar a incorporación efectiva do idioma coa adaptación ás necesidades comunicativas de cada persoa.

Pero a entidade quere introducir no futuro protocolo outro argumento: o económico. Silva considera que existe un perfil de consumidor que non só quere produtos galegos, senón que demanda tamén poder relacionarse en galego coas empresas. Esa demanda, ao seu xuízo, non sempre encontra resposta. “O galego pode fidelizar clientes e, de feito, fidelízaos“, sostén.

Para a presidenta da asociación, unha empresa que ofrece esa posibilidade pode conseguir que un consumidor sensibilizado coa lingua a escolla fronte a outras alternativas. Pon como exemplo determinadas compañías que asumiron o galego na súa comunicación comercial e considera que esta relación entre idioma e fidelización debería estudarse con maior profundidade.

A investigación de Cesuga non mide especificamente cantos consumidores escollerían unha empresa pola súa política lingüística, polo que Silva diferencia esta cuestión dos resultados do estudo. A asociación quere incorporala ás próximas reunións con consumidores para determinar ata que punto existe unha demanda comercial non atendida.

A mensaxe que queren trasladar ás empresas é que a incorporación do galego non ten por que responder unicamente a unha convicción cultural ou lingüística.

“O profesional necesita vender”, lembra Silva, que considera necesario demostrar ás pemes se ofrecer atención e produtos en galego pode traducirse tamén en captación ou fidelización de clientela.

É precisamente nas pequenas e medianas empresas onde a asociación quere concentrar os seus esforzos. As grandes compañías, sinala, dispoñen doutras estruturas e recursos. As pemes, pola contra, teñen unha relación máis directa coa clientela e poden necesitar ferramentas externas para deseñar as súas políticas.

Empresas dispostas a cambiar

Os resultados ofrecen algunhas pistas sobre a receptividade que podería atopar unha iniciativa deste tipo.

En Ourense e Santiago, o 40 % das empresas enquisadas manifestou que participaría nun programa de promoción do galego no comercio local. En Vigo, a porcentaxe foi do 34 %, e na Coruña, do 24 %. Ademais, nestas dúas últimas cidades un 44 % respondeu que podería participar dependendo das condicións. Lugo presenta os resultados máis baixos, cun 10 % de respostas afirmativas e un 26 % condicionadas.

Para a Asociación Pro-Fundación Manoel Vello, estas cifras permiten pensar que existe espazo para actuar.

O reto agora é transformar esa predisposición nunha ferramenta concreta. Ademais das futuras reunións de traballo, Silva considera que o proxecto pode servir para chamar a atención de universidades e investigadores de ámbitos como o márketing, a socioloxía ou os estudos empresariais, de maneira que se afonde nas relacións entre lingua, comportamento dos consumidores e funcionamento das empresas.

Da lingua privada á lingua de traballo

A preocupación de fondo vai máis alá da comunicación empresarial. Silva distingue entre o galegofalante que reclama activamente poder utilizar a súa lingua e outro perfil que a mantén simplemente porque forma parte do seu ámbito habitual. É neste segundo grupo onde ve un maior risco de perda conforme diminúe a transmisión familiar.

Se ao mesmo tempo o galego ten pouca presenza no mundo profesional, advirte, pode consolidarse a percepción de que non é necesario para traballar nin para relacionarse socialmente fóra dos ámbitos privados.

“Se seguimos con esta situación de diglosia, se chamas por teléfono ás empresas e todas ou case todas che contestan en castelán, efectivamente, a percepción é que o galego non vale para nada; é unha lingua para falar no ámbito privado e pouco máis“, afirma.

Precisamente aí sitúa a relevancia de introducir o idioma nas pemes. Para Silva, normalizalo na relación entre empresas, traballadores e consumidores permitiría incrementar a súa utilidade social e contribuír a que saber galego teña tamén unha función profesional.

O estudo conclúe que a situación actual non ten por que ser irreversible. A ausencia de políticas lingüísticas e o interese detectado entre parte das empresas deixan unha marxe de actuación.

A Asociación Pro-Fundación Manoel Vello quere ocupar agora ese espazo cunha proposta práctica: pasar do diagnóstico sobre o uso do galego a unha folla de ruta que permita ás pemes incorporalo desde accións tan básicas como un ‘bos días’ ao coller o teléfono ata a documentación, a web, a contratación ou a relación habitual coa clientela.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.