Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Julia, neofalante de Washington, aprendeu galego coa familia, coa música e na aldea: “Se tes unha relación baseada na lingua, xa non tes vergoña”

Hai aproximadamente dez anos, cando Julia chegou por primeira vez a Galicia dende Washington DC, aínda non dominaba o castelán e o galego era para ela unha lingua practicamente descoñecida. Hoxe, con 33 anos e instalada desne hai dous meses na Coruña, escolle precisamente o galego para relacionarse con boa parte das persoas que atopa no seu día a día. Polo medio houbo anos de aprendizaxe, unha pandemia, centos de patacas plantadas co seu sogro, cancións memorizadas e traducidas ao inglés e, sobre todo, unha rede familiar e afectiva que lle permitiu descubrir a lingua dende dentro.

A súa relación co galego comezou hai arredor de oito anos a través do seu home e da súa familia. Nun primeiro momento, explica, achegouse á lingua mediante un pequeno libro de texto escrito polo avó da súa parella, pero o salto decisivo chegou máis adiante e dun xeito bastante menos académico.

Durante a pandemia pasou aproximadamente un ano nun contexto de maior inmersión lingüística. Entre as lembranzas daquela etapa está a de plantar “unhas 300 patacas” co seu sogro, unha experiencia que lle permitiu escoitar e empregar o galego nun ambiente cotián, afastado das aulas e dos exercicios dun manual.

Foi aí onde a aprendizaxe deixou de ser só unha cuestión lingüística. Julia lembra que, na súa primeira chegada a Galicia, xa percibira unha determinada distribución das linguas dentro da familia do seu home. As persoas de máis idade falaban habitualmente galego entre elas, mais pasaban ao castelán cando se dirixían á parella. Naquel momento ela tampouco tiña un nivel elevado de castelán, polo que aquela situación espertoulle curiosidade.

Pensou primeiro que debía aprender castelán, pero pronto chegou á conclusión de que tamén tería que achegarse ao galego. Non só porque estivese presente ao seu redor, senón porque percibía que ocupaba un lugar diferente nas relacións familiares.

Notaba que para a xente era unha parte da súa identidade moi importante, que marcaba as relacións próximas na familia“, explica.

“Como se estivese por fin na casa”

Un dos momentos que máis claramente identifica no seu proceso como neofalante produciuse cando visitou por primeira vez a aldea do seu sogro, no concello de Trazo. Foi tamén un dos primeiros espazos nos que se decidiu a empregar activamente todo aquilo que levaba tempo aprendendo.

Non considera que daquela falase especialmente ben, pero lembra con claridade a sensación que lle produciu poder comunicarse en galego coa xente da contorna. “Notei un sentimento que non podo describir, como se estivese por fin na casa“, resume.

Ese sentimento acabou acompañándoa despois na súa vida urbana. Xa instalada na Coruña, intenta empregar o galego sempre que pode: na rúa, en encontros cotiáns e tamén cando coñece persoas por primeira vez. Non sempre é a opción que os seus interlocutores esperan. Segundo conta, algunhas persoas quedan sorprendidas cando descobren que prefire conversar en galego antes que en castelán. Para ela, con todo, a decisión xa non responde simplemente ao desexo de practicar unha lingua aprendida.

É unha forma de ser, máis que unha lingua para min“, afirma. A propia maneira de falar fai que non sempre sexa identificada de entrada como unha persoa estranxeira. Julia explica que moitas persoas non perciben inicialmente que procede dos Estados Unidos. Ela mesma adoita revelar nalgún momento da conversa que é de fóra, ou algún erro acaba delatando a súa condición de aprendiz.

Naceu en Washington DC e non ten ascendencia galega nin española. A súa familia é xudía estadounidense, con raíces familiares en países como Polonia e Rusia. Por iso, cando explica a súa procedencia, a reacción adoita ser de sorpresa. “Quedan flipados“, relata sobre algunhas destas conversas.

A recepción, asegura, foi practicamente sempre positiva. As persoas coas que fala adoitan valorar que alguén chegado doutro país decidise interesarse polo galego e incorporalo á súa vida. Ela, porén, relativiza o mérito que outros lle atribúen. Cre que aprender a lingua do lugar no que se vive non debería considerarse algo extraordinario e lembra que moitas persoas migrantes desenvolven competencias en varias linguas sen que iso reciba a mesma atención. Pon como exemplo unha etapa da súa vida en Marrocos, onde coñeceu persoas que empregaban cinco ou seis idiomas no seu ámbito familiar e social. Por iso, aínda que recoñece o esforzo realizado, evita presentar a súa experiencia como excepcional.

Paréceme que non ten moito mérito que aprenda eu a lingua nun sitio onde se fala esta lingua“, sinala. O que si destaca é a resposta que atopou en Galicia. Asegura non ter recibido críticas pola súa elección lingüística e insiste na sensación de pertenza que lle produce poder desenvolverse en galego: “Síntome moi na casa aquí“.

A familia foi unha das principais portas de entrada ao idioma, pero non a única. A música converteuse nunha ferramenta fundamental para consolidar o galego e, especialmente durante os meses da pandemia, funcionou case como un método de estudo propio.

Julia recoñece estar especialmente interesada na música de Aliboria, formación galegofalante á que procura ver en directo cando ten ocasión. Durante o confinamento decidiu converter as súas cancións nun material de aprendizaxe. Mentres outras persoas descubriron novos pasatempos naqueles meses, un dos seus consistía en memorizar letras de cancións en galego e traducilas posteriormente ao inglés. A actividade permitíalle traballar ao mesmo tempo comprensión oral, vocabulario e estruturas gramaticais.

Mesmo algunhas construcións que tradicionalmente formarían parte dunha clase de lingua quedaron asociadas para ela a determinadas cancións. “Lembro que para aprender algunhas construcións gramaticais, como o pasado pluscuamperfecto, aprendino por unha canción“, explica. Escoitar música galega deixou así de ser simplemente unha actividade de lecer para transformarse nunha ferramenta de inmersión. Julia considera que ese contacto continuado foi importante para interiorizar estruturas e formas lingüísticas dun xeito máis natural.

Do galego ao ladino: dúas experiencias de neofalantes

O interese de Julia polas linguas non se limita á súa experiencia persoal. É tamén o seu ámbito académico. Realiza un doutoramento en Lingüística na Universidade de California en Berkeley, cunha investigación centrada nas linguas en perigo.

O seu campo de especialización é o sefardí, tamén denominado ladino ou xudeoespañol, lingua vinculada ás comunidades xudías expulsadas da Península Ibérica a finais do século XV. Ao longo dos séculos, esas comunidades asentáronse especialmente en diferentes territorios do Mediterráneo e conservaron unha lingua baseada historicamente no castelán, á que se incorporaron numerosos elementos procedentes do turco, o grego, o francés ou o árabe, entre outras linguas.

Na actualidade, explica Julia, gran parte dos falantes nativos de ladino son persoas de idade avanzada, moitas delas maiores de 80 anos. Paralelamente, está xurdindo unha comunidade de persoas que aprenden e recuperan a lingua sen tela adquirido como primeira lingua, un fenómeno no que ela mesma se inclúe. “Eu identifícome como neofalante desta lingua“, explica.

A comparación co galego permítelle observar dúas situacións diferentes. Galicia dispón dun territorio no que a lingua continúa presente e no que é posible atopar falantes e espazos presenciais de socialización. O ladino, pola contra, é unha lingua marcada pola dispersión xeográfica das comunidades sefardís. Existen núcleos de falantes en lugares como Istambul, Seattle ou Nova York, pero unha parte importante da comunicación actual prodúcese a través de Internet. Esa ausencia dun territorio común modifica tamén as posibilidades de empregar a lingua oralmente. Julia sinala que hai produción escrita e comunidades dixitais, pero son máis escasos os contextos nos que dúas persoas poden atoparse fisicamente e falar ladino con normalidade. Esta realidade levouna a traballar nun proxecto destinado precisamente a crear espazos domésticos nos que utilizar exclusivamente a lingua. A proposta anima os aprendices a establecer o que denomina un “niño da lingua”: unha habitación ou zona concreta da casa —frecuentemente a cociña— na que as persoas participantes se comprometen a comunicarse unicamente en ladino.

A iniciativa trata de fabricar de maneira consciente un espazo de inmersión que, no caso dunha lingua dispersa territorialmente, resulta difícil atopar fóra do fogar. A súa propia experiencia co galego serve tamén como contrapunto. En Galicia puido aprender facendo precisamente o contrario: saíndo da aula, convivindo con falantes, traballando coa familia, escoitando música e empregando a lingua nas interaccións máis pequenas do día a día.

“O importante é escoitar a xente”

Por iso, cando se lle pregunta que lle recomendaría a unha persoa que acaba de chegar a Galicia, Julia non comeza recomendando un libro de gramática nin un curso. A primeira proposta é buscar persoas. “Eu diría de atopar grupos de amigos, aínda que sexa xente que non coñeces, ou xente maior se ten que ser xente maior“, explica.

Considera que existen grupos e comunidades galegofalantes nos que unha persoa que está aprendendo pode ir entrando progresivamente. E, como lingüista e profesora de idiomas, insiste especialmente nun aspecto: antes de obsesionarse con falar perfectamente, hai que escoitar. A inmersión, asegura, foi esencial no seu propio proceso. Escoitar conversas reais, observar como fala a xente e estabelecer relacións persoais con persoas que empregan a lingua permite que falar deixe pouco a pouco de parecer un exercicio académico. “O de falar é moi importante, pero sempre, como lingüista e mestra de linguas, digo que o importante é escoitar a xente, ter relacións e amizades coa xente que o fala“, sinala.

Para Julia, esa dimensión afectiva é precisamente a que pode acabar eliminando a inseguridade habitual dos primeiros meses. Cando a lingua deixa de ser simplemente unha materia que se está aprendendo e pasa a estar relacionada con persoas concretas, conversas, amizades ou lugares, aparece tamén unha razón para utilizala.

A súa recomendación final resume, en boa medida, o camiño que ela mesma percorreu desde aquela primeira chegada a Galicia hai unha década ata a súa actual vida na Coruña: “Se tes unha relación baseada na lingua, vas ver que xa non tes vergoña. Xa tes un motivo para falala“.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.