Os XXXVI Cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ comezaron este mediodía en Santiago de Compostela coa recepción oficial ao alumnado participante nesta nova edición. En total, 62 estudantes procedentes de dezaoito países de Europa, Asia e América participarán durante tres semanas nun programa que combina aprendizaxe lingüística, achegamento cultural e convivencia internacional arredor da lingua galega.
A iniciativa está organizada pola Real Academia Galega en colaboración co Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e conta co apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. A maior parte das actividades desenvolveranse na Facultade de Filosofía da USC, onde este luns tivo lugar o acto de benvida.
A convocatoria deste ano reúne alumnado de nacionalidade alemá, arxentina, brasileira, británica, checa, colombiana, cubana, estadounidense, húngara, india, italiana, polaca, portuguesa, rusa, suíza, uzbeka e xamaicana, ademais de estudantes doutras comunidades autónomas do Estado. A diversidade de procedencias converte os cursos nun espazo de contacto entre culturas no que o galego actúa como eixo común.
Desde a súa creación en 1988, polas aulas de ‘Galego sen fronteiras’ pasaron máis de 2.500 estudantes de todo o mundo. Ao longo destas décadas, o programa consolidouse como unha das principais vías de difusión internacional da lingua e da cultura galegas, tanto para persoas que se achegan por primeira vez ao idioma como para alumnado que xa desenvolve investigacións ou estudos vinculados con Galicia.
No acto inaugural interviñeron o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; a directora dos cursos, a académica María López-Sández; a directora do Instituto da Lingua Galega, Elisa Fernández Rei; a vicerreitora de Estudantes, Igualdade, Diversidade e Benestar da USC, Lorena Añón Loureiro; e o secretario xeral da Lingua, Valentín García.
Monteagudo, que foi profesor dos cursos nas súas primeiras edicións e tamén director durante anos, puxo o foco na continuidade dunha iniciativa que, ao seu xuízo, serve non só para dar a coñecer Galicia, senón tamén para favorecer o encontro entre persoas de distintas procedencias. “Nun mundo en que por desgraza se están estendendo os discursos do odio cara ao diferente, de exclusión contra a xente que vén de fóra, os Cursos Galego sen fronteiras son unha ocasión para que coñezades mellor Galicia, por suposto, pero tamén para que vos coñezades mellor entre vós”, afirmou.
O presidente da RAG engadiu que para a institución resulta significativo que o idioma galego poida actuar como espazo de relación entre comunidades diversas. “Para nós é unha gran satisfacción que a lingua e a cultura galegas sirvan para que persoas de distintos países se coñezan entre elas, que funcionen como ponte para o diálogo”, sinalou durante a súa intervención.
Tamén a vicerreitora da USC salientou o carácter acolledor da cidade e da universidade para o alumnado que chega de fóra. Lorena Añón Loureiro definiu Galicia, Santiago de Compostela e a USC como espazos de chegada e de encontro, mais tamén como lugares nos que a lingua e a cultura permiten crear comunidade. “Xa lembraba Otero Pedrayo que a lingua é a expresión máis fonda da alma dun pobo”, indicou.
Añón Loureiro expresou ademais o desexo de que a experiencia nas aulas e nas actividades programadas deixe unha pegada que vaia máis alá da aprendizaxe académica. “Confiamos en que todas as persoas que chegades hoxe á nosa Universidade compartades coñecementos e experiencias, e que poidades levar convosco non só a pegada da aprendizaxe, senón tamén parte desta alma da nosa lingua, de xermolo do pensamento propio, da nosa cultura e do noso pobo”, destacou.
Pola súa banda, Elisa Fernández Rei reivindicou o valor das linguas e culturas que non ocupan os espazos centrais de poder, subliñando que a súa dimensión non pode medirse unicamente polo número de falantes ou pola súa presenza institucional. A directora do ILG lembrou que a chegada de estudantes de diferentes países contribúe tamén a proxectar o galego cara ao futuro.
Nesta mesma liña, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, dirixiuse ao alumnado para destacar o papel que desempeñan dentro do sistema cultural galego. “Sodes parte fundamental do noso sistema cultural”, afirmou, en referencia á capacidade destas persoas para levar o galego a novos contextos académicos, profesionais e sociais.
Tres semanas de lingua, cultura e encontro
O programa dos XXXVI Cursos de lingua e cultura galegas combina clases teóricas e prácticas de galego con conferencias, coloquios e obradoiros arredor de distintas expresións da cultura galega. A intención é ofrecer unha inmersión ampla, na que o idioma se relacione coa literatura, a música, o baile, o audiovisual e a memoria cultural do país.
A directora dos cursos, María López-Sández, presentou unha programación que permitirá ao alumnado entrar en contacto con diferentes voces da creación e da investigación galegas. Segundo explicou, o calendario de conferencias abrangue desde a literatura ata o audiovisual contemporáneo, con propostas pensadas para amosar unha visión plural da cultura galega actual e histórica.
Entre as actividades previstas figura un coloquio co académico Manuel Rivas, así como unha sesión arredor do documental ‘360 curvas. Nacer a medio camiño’, na que participarán os seus directores, Manuel Lucas e Alejandro Gándara. A programación inclúe tamén achegamentos a figuras destacadas da cultura galega que centran conmemoracións ou lecturas durante este ano.
Unha das sesións estará dedicada a Lamas Carvajal, fundador d’‘O Tío Marcos da Portela’, cun relatorio a cargo do académico correspondente Afonso Vázquez-Monxardín. Tamén haberá un espazo para Ramón Otero Pedrayo, que será abordado por Patricia Arias Chachero, e outro para Begoña Caamaño, sobre quen falará a académica Marilar Aleixandre, poñendo o foco na súa reescritura contemporánea dos mitos.
A oferta cultural complétase con actividades vinculadas á tradición oral, á música e ao baile. O alumnado participará nun obradoiro de baile tradicional con Mercedes Prieto e poderá achegarse ás cantigas tradicionais a través de sesións conducidas por Sergio de la Ossa e Ugia Pedreira.