O alumnado de ESO do CPI O Cruce de Cerceda achegouse este xoves ata A Barbería de Rebe para facer entrega do diploma acreditativo do Premio ao uso do galego nas empresas, un recoñecemento público que chega á súa segunda edición e que distingue negocios do municipio polo emprego da lingua propia en ámbitos como a rotulación, a información ao público, a publicidade, as redes sociais ou a atención diaria á clientela.
O establecemento recoñecido abriu as súas portas a finais de 2025 e foi seleccionado tras o traballo realizado polo alumnado de 4º da ESO, que durante este mes de xuño visitou e analizou arredor de 50 locais de Cerceda. Entre eles había bares e restaurantes, gasolineiras, xestorías, panadarías, fábricas, tendas e outros negocios nos que o alumnado observou a presenza do galego tanto na comunicación oral como na escrita.
No caso de A Barbería de Rebe, os estudantes salientaron que o uso da lingua propia “vai máis alá da rotulación e da publicidade, onde se emprega de maneira visible e destacada”. Tamén destacaron “a visibilidade da nosa lingua nas redes sociais, na información no propio local, na atención ao público ou nas tarxetas agasallo”.
A iniciativa forma parte dun proxecto de paisaxe lingüística desenvolvido na materia de Lingua Galega co profesor Nel Vidal. A través deste traballo, o alumnado non só analizou a presenza do galego nos negocios locais, senón que tamén animou os establecementos a facer visible o seu uso mediante a colocación dun adhesivo nos cristais. Segundo a información trasladada polo centro, a valoración das empresas foi moi positiva, xa que colocaron o logo e apoiaron a iniciativa.
Durante as visitas realizadas, o alumnado constatou que o galego está moi presente na atención oral ao público, mais tamén observou que a súa presenza na rotulación e na información escrita é menor. Por este motivo, animan os comercios locais “a usar a nosa lingua tamén na rotulación e publicidade como xesto de proximidade, distinción e aposta polo propio”.
O premio busca así reforzar a visibilidade do galego no tecido comercial de Cerceda e poñer en valor aqueles negocios que incorporan a lingua propia á súa actividade diaria. Nesta segunda edición, o recoñecemento recaeu nun establecemento de recente apertura que, segundo destacou o alumnado, emprega o galego en diferentes soportes e espazos de comunicación coa clientela.
Con esta proposta, o CPI O Cruce continúa a vincular o traballo educativo coa realidade social e económica máis próxima, facendo do alumnado parte activa na observación, análise e promoción da lingua galega no seu contorno.