A lectura continúa a gañar espazo entre a cidadanía galega. Así o indica o informe Hábitos e prácticas culturais en Galicia. Tendencias e determinantes da participación cultural, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega (CCG). Nel sinálase a lectura como a práctica cultural máis escollida entre a sociedade galega e a que experimentou unha evolución máis favorable durante a última década.
Segundo os datos recollidos no estudo, o 64% da poboación galega leu algún libro ao longo do último ano, unha porcentaxe que supera en máis de seis puntos os rexistros de hai dez anos. Ao mesmo tempo, reduciuse de forma notable o número de persoas que non len nunca ou case nunca, pasando do 29,2% ao 13,8%.
A transmisión xeracional
Vincúlase a lectura ao ámbito familiar. As persoas que medraron en fogares con hábitos lectores teñen unha maior probabilidade de manter esa actividade na idade adulta. Entre os lectores galegos, máis do 63% afirman ter proxenitores que tamén lían por ocio, o que reforza a importancia da transmisión interxeracional dos hábitos culturais.
Galicia sobresae ademais no consumo de información escrita. O 70,4% da poboación le prensa de información xeral polo menos unha vez ao mes, unha cifra que supera en máis de dez puntos a media estatal. A pesar do avance dos soportes dixitais, a lectura de prensa mantense como unha das prácticas culturais máis consolidadas do país.
A dixitalización da cultura en Galicia
A recuperación da actividade presencial tras a pandemia convive cunha crecente dixitalización do consumo cultural. Na actualidade, dous de cada tres fogares galegos están subscritos a algunha plataforma cultural e máis da metade conta con servizos de películas e series baixo demanda.
O acceso á cultura prodúcese cada vez máis desde o ámbito doméstico. O uso de internet, dos teléfonos móbiles e dos servizos de almacenamento na nube medrou de forma sostida nos últimos anos, marcando o protagonismo do consumo dixital fronte o presencial.
A cultura dende a distancia
A participación en actividades presenciais como o cine, o teatro ou as visitas a museos continúa por debaixo da media estatal. Aínda que a asistencia se recuperou tras a pandemia, Galicia segue rexistrando porcentaxes inferiores ás do conxunto do Estado.
Os datos amosan ademais importantes diferenzas segundo a idade, o nivel educativo, os ingresos ou o lugar de residencia. As persoas máis novas concentran boa parte dos consumos audiovisuais e dixitais, mentres que nas idades máis avanzadas teñen maior peso prácticas como a lectura de prensa, a radio ou a televisión. Do mesmo xeito, os habitantes das áreas urbanas participan con maior frecuencia en actividades culturais presenciais que os residentes en concellos pequenos.
O estudo conclúe que Galicia avanza cara a un modelo cultural cada vez máis dixital e doméstico, mais mantén na lectura un dos seus principais focos culturales.