A VII Festa do Apego converterá este sábado 6 de xuño o Pazo da Peregrina de Bertamiráns nun punto de encontro para as familias arredor da lingua galega. O Concello de Ames presentou a programación desta nova edición, que se desenvolverá entre as 11.00 e as 20.30 horas cun amplo programa de actividades gratuítas que combinarán música, teatro, contacontos, xogos, obradoiros e espazos de asesoramento.
Na presentación participaron o alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, e a técnica municipal de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras. Durante o acto, García destacou que o principal propósito desta iniciativa é “normalizar o idioma entre os máis pequenos e pequenas” e contribuír a que o uso do galego sexa percibido con naturalidade desde a infancia. O rexedor tamén puxo en valor a consolidación dun evento que, segundo indicou, xa forma parte do calendario habitual das actividades culturais e lingüísticas do municipio.
Pola súa banda, Rosa Moreiras definiu a Festa do Apego como unha proposta que busca ofrecer ás familias ferramentas e recursos para favorecer a crianza en galego. A técnica explicou que ao longo de toda a xornada haberá un espazo específico dedicado á difusión de materiais educativos, culturais e de lecer, ademais dun servizo de asesoramento personalizado para acompañar ás familias en diferentes etapas e situacións da crianza.
Teatro, música e contos para toda a familia
A programación arrancará ás 11.00 horas coa apertura do recinto e contará, apenas quince minutos despois, coa representación de ‘Este olliño pimpilín’, de Inventi Teatro. O espectáculo está dirixido a familias con crianzas de entre 0 e 6 anos e propón unha viaxe pola tradición oral galega a través da palabra, a música e o xogo. A compañía busca, con esta proposta, reforzar o vínculo emocional coa lingua desde as primeiras idades e proporcionar recursos para a súa transmisión no ámbito familiar.
A continuación, ás 12.30 horas, chegará ‘Bosque’, un espectáculo musical e teatral protagonizado por Mamá Cabra e Aurora Artes Escénicas. A través da participación do público, a obra pretende achegar valores relacionados co respecto polo medio natural e coa conservación da biodiversidade, dando voz a animais e plantas nunha proposta pensada para o público familiar.
Tras a pausa do mediodía, entre as 14.00 e as 16.30 horas, as familias poderán permanecer no recinto e compartir un xantar de campo na carballeira e nos xardíns do Pazo da Peregrina. O Concello anima ás persoas asistentes a levar a súa propia comida e aproveitar este espazo natural como complemento da festa.
As actividades retomaranse pola tarde coa reapertura dos espazos permanentes de xogo, creatividade e recursos. Ás 17.15 horas será a quenda de ‘As mil e unha’, unha proposta de contos e música creada por Vero Rilo e Luís Iglesias. O espectáculo achegará ás familias a figura da escritora Begoña Caamaño, protagonista do Día das Letras Galegas 2026, mediante un percorrido que conecta a súa obra con personaxes míticos da tradición literaria.
O programa continuará ás 18.30 horas co concerto ‘As máis molonas ilustradas!’, no que Pakolas e Laura Romero combinarán música e ilustración en directo. O espectáculo reúne algunhas das cancións máis coñecidas do músico infantil, acompañadas polas creacións visuais de Romero, nun formato participativo pensado para cantar, bailar e interactuar co público.
O peche da xornada chegará ás 19.30 horas con ‘Comisión de Festas’, o novo espectáculo de Brais das Hortas. A proposta mestura música, clown, humor e teatro para transformar o escenario nun auténtico torreiro festivo, converténdose na última actividade da programación.
Obradoiros, xogos e recursos durante toda a xornada
Ademais dos espectáculos, a Festa do Apego contará durante toda a xornada cunha ampla oferta de actividades permanentes. O espazo de recursos, coordinado por Fabaloba, ofrecerá contos, música, audiovisuais, xogos e asesoramento para as familias. Pola súa banda, Pedras de Papel desenvolverá dous obradoiros creativos centrados na elaboración de esculturas con cartón e máscaras de papel.
O público tamén poderá participar nun espazo de xogo libre coordinado por Miudiño, con materiais naturais e xogos tradicionais, así como nunha zona de xogos de mesa organizada por Brazolinda, que reunirá propostas para diferentes idades orientadas ao desenvolvemento da observación, a comunicación e o razoamento.
Outro dos puntos destacados será o espazo dedicado ao programa Apego, no que as familias poderán coñecer os recursos e servizos que ofrece esta iniciativa de promoción do galego. Ademais, haberá actividades para a elaboración de chapas e tatuaxes como recordo da xornada.
A organización lembra que todas as actividades serán de acceso libre e gratuíto, sen necesidade de inscrición previa. No caso de condicións meteorolóxicas adversas, a programación trasladarase á Casa da Cultura de Bertamiráns e á praza de Chavián, garantindo así o desenvolvemento dunha cita que busca seguir fortalecendo a presenza do galego na vida familiar e cotiá das novas xeracións.