Chegou desde Arxentina hai seis anos coa súa familia e, co paso do tempo, acabou atopando en Galicia algo máis ca un novo lugar onde vivir. Julieta, alumna do IES Rafael Dieste da Coruña e participante no proxecto ‘Aquí tamén se fala’, descubriu no galego unha lingua coa que establecer unha relación que vai máis alá do ámbito académico e que conecta directamente coa súa propia historia familiar.
A estudante explica que a súa relación co idioma naceu inicialmente a través do instituto, ao entrar en contacto co galego nas materias e nos libros de texto. Mais detrás dese proceso existía tamén unha dimensión persoal. Segundo relata, parte da súa familia, concretamente os seus bisavós, eran galegos e emigraran a Arxentina, onde co paso do tempo a lingua acabou perdéndose. Ao regresar a Galicia, ese contacto co idioma converteuse para ela nunha maneira de recuperar unha parte desa herdanza.
“Pouco a pouco sentinme ben porque ao final forma parte da miña familia”, sinala. A súa intención é seguir aprendendo e empregando a lingua, especialmente no ámbito da escritura, un espazo que vincula coa creatividade e coa posibilidade de construír historias propias nun idioma que sente próximo.
A experiencia de aprendizaxe, explica, tivo dúas caras distintas. Por unha banda, o contacto diario coa lingua dentro do ámbito educativo facilitoulle o proceso. Ter materias impartidas en galego, ademais da propia asignatura de lingua, permitiulle convivir co idioma de forma constante. Por outra, recoñece que a situación cambiaba fóra das aulas.
Segundo relata, a dificultade aparecía especialmente en contextos cotiáns como supermercados, hospitais ou outros espazos onde o castelán estaba máis presente. Esa diferenza entre a aprendizaxe no centro educativo e a realidade diaria supuxo un reto engadido á hora de gañar seguridade e fluidez.
Tamén experimentou reaccións diversas ao falar galego. Julieta conta que nalgunhas ocasións atopou comentarios positivos, como persoas que lle destacaron o seu acento ou valoraron o feito de que aprendese a lingua. Con todo, admite que tamén percibiu algunhas actitudes menos receptivas.
“Sempre hai persoas que senten que por ser estranxeira talvez non tes dereito a facelo”, comenta. A pesar diso, considera que o máis importante é a relación persoal que cada un establece coa lingua e insiste en que intenta non deixar que as opinións alleas condicionen a súa experiencia.
A estudante recoñece tamén que ás veces sente certa vergoña cando fala porque percibe que o seu acento pode delatar a súa procedencia. Con todo, explica que intenta centrarse nas experiencias positivas e deixar de lado aquelas críticas que non achegan nada construtivo.
No proceso de aprendizaxe, os libros convertéronse nun dos seus principais aliados. Julieta asegura que a lectura foi a ferramenta que máis a axudou a mellorar o dominio do idioma. Ademais de ler, acostuma facer pequenos resumos ou repetir textos en voz alta para traballar a fluidez e a expresión oral.
Ao rematar, lanza unha mensaxe para outras persoas que poidan atoparse nunha situación semellante á súa, especialmente para quen chega a Galicia e dubida se aprender galego merece a pena.
“Sempre que empezas algo queres facelo perfecto, pero é imposible”, afirma. Para Julieta, os erros forman parte natural do proceso de aprendizaxe. Por iso, anima a perder o medo inicial e a dar os primeiros pasos: “Comezar e gañar pouco a pouco confianza e fluidez xa fai que, co paso do tempo, pague a pena”.