Fruíme converteuse este 17 de maio nun escenario de reivindicación colectiva arredor da figura de Diego Antonio Zernadas de Castro, o chamado cura de Fruíme, nunha multitudinaria xornada que reuniu centos de persoas coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas. O berro de “Eu con Zernadas” resonou durante a tradicional ofrenda floral diante do busto do escritor e relixioso, nun acto que serviu para reforzar publicamente a candidatura do autor lousamián como homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2027, coincidindo co 250 aniversario do seu falecemento.
A convocatoria reuniu representantes de asociacións culturais, deportivas, veciñais, empresariais e sociais de todo o municipio, nunha imaxe de unidade que desde o Concello quixeron presentar como símbolo da forza colectiva de Lousame arredor da súa historia e da súa identidade. Participaron entidades como o Lesende CF, BTT O Treito, Club Atletismo Lousame, Banda de Música de Lousame, Asociación Cultural Prudencio Romo, a Asociación de Veciños Zernadas de Castro de Fruíme, UNED Sénior ou agrupacións musicais e folclóricas do municipio.
Durante o acto institucional, o alcalde de Lousame, Esteban Ares García, apelou directamente á Real Academia Galega para que recoñeza a dimensión histórica e lingüística de Zernadas de Castro. O rexedor preguntouse publicamente “que máis precisades para recoñecer o labor de Diego Antonio Zernadas de Castro?”, nun discurso no que puxo o foco na capacidade de mobilización do municipio e na relevancia histórica do homenaxeado.
Ares defendeu que Zernadas representa unha das raíces da defensa da lingua galega nun contexto histórico especialmente adverso, reivindicándoo como unha figura central para comprender a orixe do galeguismo. “Se alguén lle dá sentido a este día, se alguén defendeu ao galego, se alguén defendeu a Galicia antes incluso de que Galicia se pensase, foi el”, afirmou, ligando a súa figura á necesidade de preservar a memoria histórica e lingüística do país.
O alcalde tamén incidiu na dimensión simbólica da unidade municipal, destacando que a defensa da lingua debe entenderse “como un elemento de unión, nunca de confrontación”. Nese sentido, puxo en valor a implicación conxunta de corporación local, tecido asociativo e veciñanza nunha campaña que busca situar o nome de Zernadas no centro do debate cultural galego de cara a 2027.
Na mesma liña pronunciouse a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, quen definiu a imaxe de Fruíme como unha mostra de “unión, conxunto, perseverancia e forza” para trasladar unha mensaxe clara á institución académica: “Zernadas 2027”.
A xornada estivo marcada non só pola reivindicación institucional, senón tamén por unha programación cultural e participativa que combinou memoria, divulgación e festa popular. A segunda edición da Andaina das Letras reuniu medio cento de participantes nun percorrido de cinco quilómetros con paneis informativos sobre a vida e obra de Zernadas de Castro, reforzando a dimensión pedagóxica da celebración.
Xa no adro da Igrexa de Fruíme, a música tradicional acompañou a concentración veciñal antes da misa e da posterior ofrenda floral, encabezada por Esteban Ares, Silvia Agrafojo, José Luís Veiras Manteiga e Ermitas Lorenzo, presidenta da Asociación de Veciños Zernadas de Castro. O acto desenvolveuse baixo os acordes do himno galego interpretado pola Banda de Música de Lousame.
A programación completouse con actuacións de agrupacións locais como Anduriñas, Canlebó e as Pandereteiras da UNED Sénior Lousame, ademais dunha sesión vermú e dun xantar popular que superou os 120 asistentes.