Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Revolta Galega: o proxecto dunha escola que converteu o galego nunha festa compartida

No CPI As Revoltas, en Cabana de Bergantiños, a lingua galega non se traballa só como unha materia. Cántase, entrevístase, regueifase, dramatízase, investígase, lévase á radio, convértese en festa e tamén en memoria familiar. Esa é a base de ‘Revolta Galega’, o proxecto co que o centro vén de gañar un dos Premios Mil Primaveras, convocados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua.

A iniciativa naceu no curso 2022-2023 dentro do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, mais fíxoo, segundo explican as profesoras participantes Cristina, Sandra, Carolina, Rosalía e Susana, dun xeito case natural. “Todo empezou coa idea de facer unha Romaría das Letras”, lembra Susana. Aquel primeiro impulso coincidiu ademais co 50 aniversario do colexio e coa vontade de versionar unha canción de Xabier Díaz arredor da identidade de Cabana.

Encontro no CPI As Revoltas con Teresa dos Cucos / Premios Mil Primaveras

Daquela primeira romaría foi medrando un proxecto cada vez máis amplo. “Xurdiu naturalmente a partir deste encontro entre todas nós”, sinala Cristina, que destaca a boa sintonía do equipo docente como unha das claves. A partir de aí chegaron as cancións, os encontros con escritores e músicas, as entrevistas, os podcast, as regueifas, os clubs de lectura, os xogos tradicionais e a participación das familias.

O nome ‘Revolta Galega’ xoga cun dobre sentido. Por unha banda, incorpora o nome do centro, As Revoltas. Pola outra, expresa a vontade de “dar un xiro” á situación da lingua. “Queriamos facer como unha revolución para que o galego volva empregarse, para que non se perda”, explican. No caso do centro, situado nun contexto rural e cunha parte importante do alumnado galegofalante, o obxectivo non é só ampliar o uso da lingua, senón tamén dignificala.

Cristina resume esa idea cun matiz importante: “Hai moito alumnado galegofalante, pero resulta imprescindible dignificar a lingua, que estean orgullosas de falar galego, de ser de Bergantiños e de ser de Cabana”. Para as docentes, a normalización pasa por que o alumnado vexa que o galego “serve para todo”: para a ciencia, para a música, para o xornalismo, para a literatura, para o lecer e para a vida diaria.

Unha das estratexias centrais do proxecto é achegar ao colexio referentes galegofalantes de ámbitos moi diversos. Polo centro pasaron figuras como Ángel Carracedo, Xabier Díaz, Guadi Galego, Fina Casalderrey, María Canosa, Paula Carballeira, Antía Yáñez ou Teresa dos Cucos. A visita de Carracedo, por exemplo, serviu para reforzar a idea de que a lingua galega tamén ten presenza no ámbito científico. “Traer referentes ao cole é moi importante para que vexan que en galego se pode chegar a un nivel como o de Ángel Carracedo”, apunta Cristina.

A radio escolar, ‘Ondas Revoltas’, é outro dos piares do proxecto. O alumnado prepara entrevistas, programas especiais e contidos vinculados a datas como o Samaín, o 8M, o Día das Escritoras, o Ano Castelao ou os 20 anos do Prestige. Para as profesoras, este traballo oral ten unha importancia especial porque permite que a lingua se use de maneira práctica, espontánea e vinculada a experiencias reais. “A escola está ás veces moi centrada na escrita, e este tipo de actividades complementan iso con oralidade e realidade”, sinala Cristina.

A creación propia ocupa tamén un lugar central. O alumnado fai versións de cancións en galego, participa en teatro lido, escribe textos, grava podcast e aprende a regueifar. Esa dimensión creativa, segundo explican as docentes, reforza o orgullo lingüístico. “Están todos superilusionados con coñecer a letra da canción para a romaría”, conta Susana sobre a quinta edición da Romaría das Letras, que este ano incluirá tamén a aprendizaxe de puntos de muiñeira.

Certame de Teatro Lido no CPI As Revoltas / Premios Mil Primaveras

A tradición oral e o patrimonio de Bergantiños teñen un peso especial. O proxecto incorpora regueifas, cantigas, xogos populares e a memoria das persoas maiores. Unha das iniciativas máis significativas foi ‘Unha Revolta ao Pasado’, na que os avós e avoas acudiron ao centro para seren entrevistados polo alumnado sobre a escola, a vida de antes e as lembranzas da súa xeración. “Foi moi enriquecedor”, lembran as profesoras.

O proxecto tamén se abriu ao alumnado procedente doutros lugares. As docentes destacan a boa acollida entre estudantes chegados de fóra de Galicia. Un alumno de orixe marroquí, explican, participou con especial implicación na regueifa galega, mentres que alumnado chegado de Mallorca se incorporou a programas de radio empregando o galego. Para o equipo, estas experiencias amosan que a lingua pode converterse tamén nun espazo de acollida e participación.

O Premio Mil Primaveras chegou, segundo contan, case por sorpresa. O centro xa tiña elaborado un dossier sobre o proxecto para presentar o traballo a unha persoa convidada, e decidiu envialo ao certame porque recollía de maneira ordenada todo o que levaban anos facendo. “Non maquillamos nada. É todo real o que se escribe”, subliña Susana. A candidatura incluía fotografías, ligazóns, vídeos e a memoria das actividades desenvolvidas.

Cando recibiron a chamada comunicándolles o premio, a reacción foi inmediata. “Fixemos unha festa na sala de profes”, lembran. O recoñecemento, din, ten valor porque pon o foco nun traballo colectivo que abrangue todo o centro, desde Infantil ata 4º da ESO, e no que tamén participa o persoal non docente. De feito, arredor de vinte profesoras e profesores teñen previsto desprazarse a Pontevedra para recoller o galardón nun autobús financiado polo Concello. “É un premio de todos”, resumen.

As docentes insisten en que ‘Revolta Galega’ podería servir de inspiración para outros centros, mais non como unha copia exacta. Cristina considera que cada escola debería buscar a súa propia raíz: “Se se exportara, sería importante que cada quen buscase na súa identidade, porque dentro do proxecto está Cabana, está Bergantiños como centro do mundo”. A clave, engaden, está na motivación do profesorado e na implicación colectiva. “A xente motivada motiva a que está ao lado”, afirma Susana.

Máis alá do premio, as profesoras tamén reflexionan sobre o papel da escola no futuro do galego. Cristina advirte de que hoxe o centro educativo perdeu parte da súa influencia fronte ás redes sociais e aos contidos audiovisuais, mais defende que debe manter unha función normalizadora. “As linguas que non se falan están condenadas a desaparecer”, sinala. Por iso, considera que o galego non debe conservarse “nun museo”, senón manterse vivo no uso diario.

Esa é precisamente a filosofía de ‘Revolta Galega’: facer que o idioma circule pola escola como unha lingua útil, creativa, afectiva e compartida. Un proxecto que naceu dunha romaría e que acabou converténdose nunha maneira de entender o centro. Como resume Susana, “vir feliz a traballar non hai cartos que o pague”.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.