Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Queremos Galego chama a encher Santiago o 17 de maio para situar o galego no centro da vida cotiá

Queremos Galego convocou para o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, unha manifestación nacional en Santiago de Compostela co obxectivo de reivindicar o galego como eixo central da vida social e institucional de Galicia e reclamar avances efectivos na garantía dos dereitos lingüísticos. A mobilización, que partirá ás 12.00 horas da Alameda e rematará na Praza da Quintana, desenvolverase baixo o lema ‘O galego, lingua vital’ e incluirá tamén actuacións ao remate do percorrido.

A plataforma presentou esta convocatoria como unha chamada a reforzar a presenza da lingua propia en todos os espazos da vida diaria, máis alá do ámbito cultural ou simbólico. A coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas, incidiu en que o obxectivo pasa por normalizar o uso do idioma en calquera relación cotiá, tanto na esfera pública como privada. “Non só queremos cantar e bailar en galego, senón que tamén queremos que sexa normal chegar a un notario e poidamos facer unha escritura en galego; que a nosa compañía eléctrica se dirixa a nós na nosa lingua, e que a nosa administración teña por defecto a nosa lingua como primeira cando falemos con ela”, sinalou.

A organización habilitará autobuses desde as principais comarcas galegas para facilitar a asistencia e anunciou tamén unha campaña de difusión intensiva nas rúas nas semanas previas á protesta. Esta acción irá acompañada da promoción do protocolo ‘Lingua Vital’, unha proposta con arredor de 300 medidas que, segundo a plataforma, busca ofrecer unha resposta social e participativa ante o que consideran unha situación de retroceso para o galego.

Desde Queremos Galego e A Mesa pola Normalización Lingüística, entidades impulsoras da convocatoria, a mobilización do Día das Letras preséntase como unha resposta á política lingüística da Xunta. O presidente de A Mesa, Marcos Maceira, criticou a falta de recoñecemento institucional da situación do idioma e asegurou que o actual Executivo autonómico “foi incapaz de ofrecer máis alternativa que negarse a mencionar a emerxencia lingüística”.

Maceira definiu a cita como “unha gran mobilización cidadá” orientada a responder á “negativa da Xunta a garantir os dereitos lingüísticos”, apelando á unidade social na defensa do idioma. Segundo expuxo, a defensa do galego transcende o plano cultural para situarse como unha cuestión vinculada á propia continuidade da identidade colectiva galega.

No acto de presentación tamén houbo espazo para reivindicar a figura de Begoña Caamaño, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Celia Armas recuperou reflexións da escritora de 2010 para cuestionar o concepto de “bilingüismo harmónico”, expresión que Caamaño definira daquela como “unha falacia, unha completa mentira” nun contexto marcado pola desigualdade entre galego e castelán.

A portavoz da plataforma vinculou tamén esa análise co impacto do decreto do plurilingüismo aprobado en 2010, que cualificou como prexudicial para a transmisión xeracional da lingua, especialmente no ámbito educativo. Segundo sostivo, tras máis de quince anos de aplicación, os efectos sobre o ensino e a socialización lingüística das novas xeracións serían evidentes, aínda que insistiu en que “somos conscientes de que é posible reverter esta situación tan dramática”.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.